COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG perante o resultado das eleccións autonómicas

19 de febreiro de 2024

O resultado das eleccións galegas do 18 de febreiro certifican a fin do ciclo. O PCG avalía autocriticamente o traballo desenvolvido e recoñece a necesidade de aumentar a súa presenza na loita diaria da clase obreira galega contra o capital e os seus representantes políticos

Os resultados das eleccións autonómicas do 18 de febreiro en Galicia son negativos. A poboación galega apoia de forma maioritaria as políticas do PP, que seguirá a gobernar o país outros catro anos. O PCG asume parte da responsabilidade e inicia un período de autocrítica dirixido a fortalecer a súa presenza na experiencia diaria e as loitas da clase obreira.

O espazo no que tradicionalmente viña participando o Partido, dende 2012, foi desaparecendo paulatinamente até, por segunda vez consecutiva, verse fóra do parlamento autonómico. A nota máis preocupante non é esta ausencia, senón a dilución dun espazo humilde pero activo nunha xeira de proxectos que descenderon progresivamente no grao de implantación militante, de funcionamento democrático e de posición en favor da clase obreira.

O resultado da coalición Sumar amosa esa tendencia e xustifica a necesidade de desenvolver un proxecto coñecedor e representativo da realidade obreira e popular de Galicia, enraizada nas loitas e no día a día dos e das traballadoras. Para calquera proxecto que represente ós e ás traballadoras, estas son condicións sen as que será imposible artellar unha proposta política de éxito. Esta lectura das eleccións non pretende ocultar a realidade. Seguramente, un mellor traballo do PCG non implicaría unha alteración substancial dos resultados electorais, mais si permitiría construír outro tipo de proxecto político, no que a representación institucional non fose a base dende a que construír, senón que enraizase nunha implantación na sociedade galega.

Precisamente a limitación de toda proposta política á participación no goberno produciu de facto a redución do espazo ao funcionamento como apéndice doutras organizacións. Tanto a nivel estatal como a nivel nacional, isto supuxo que a cidadanía, razoablemente, optase polo voto á opción maioritaria en lugar da pretendida muleta. Nesta liña, a proposta de ensanchar o voto á esquerda expandindo as opcións electorais amosouse errónea. Xa non se trata só de que calquera diferencia de principios ou práctica con outras opcións desaparecese, senón que non existiu un sector social que se sentise referenciado en candidaturas que non fosen o PP, o BNG, o PSOE e DO. Non existe un “suxeito electoral” progresista ou “laborista” ao que apelar máis alá do PSOE e o BNG, moito menos un suxeito social. Tampouco é ese hipotético espazo ao que o PCG quere aglutinar na súa proposta política.

As eleccións galegas constatan unha realidade xa presente: non existe crise de Réxime e a estabilidade deste xa non precisa de apoios fóra do grupo dirixente que formaron historicamente PP e PSOE. A conclusión que toma o PCG é que a construción dun proxecto político para a clase obreira galega pasa por unirse contra a explotación capitalista e compartir experiencia diaria dos e das traballadoras, así como a loita da clase obreira contra o capital e os seus representantes políticos.

Categorías:

Comparte: