COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG reúnense co coordinador de axentes forestais de CCOO

4 de agosto de 2022

Todas as partes mostran preocupación ante a pasividade da Xunta cos incendios en espazos protexidos

A administración está lonxe de cubrir os 7.000 postos de persoal de prevención de incendios

Esta mañá tivo lugar unha reunión entre o Partido Comunista de Galicia, Esquerda Unida e CCOO para falar das políticas de prevención de incendios, a situación do monte galego e a do persoal encargado de protexelo. No encontro celebrado na sede de EU-PCG na Coruña, os partidos escoitaron as reclamacións do sindicato, que denuncia falta de persoal e medios en malas condicións.

A reunión celébrase tras os incendios dos pasados días nos que se queimaron máis de 11.000 hectáreas, afectando ao 50% da zona protexida dos Ancares e causando a morte da práctica totalidade da fauna nese espazo. Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida e Secretaria Xeral do Partido Comunista de Galicia, e René Gamborino, Responsable de Organización do PCG, trasladan “unha preocupación pola pasividade e falta de declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente ante os incendios máis grandes da historia de Galicia”. Para a Solla, “non podemos sufrir un desastre deste tipo e ter que esperar dous meses a recibir explicacións”.

Alejandro Rodríguez Pazos, axente forestal en Betanzos e coordinador de axentes forestais na FSC CC.OO e FSC CCOO Galicia, cre que estes incendios son “unha consecuencia directa do abandono do rural que sufrimos dende hai varias décadas, que ocasionou tamén un cambio no réxime de explotación do monte”. “A falta de futuro nas aldeas vén pola perda de servizos públicos e oportunidades laborais”, di Solla, “que son consecuencia directa de políticas públicas que buscan deixar o monte baleiro para a especulación eólica das eléctricas e forestal de Ence”.

A solución, segundo Rodríguez, “non pasa por limpar os 2.000.000 de metros cadrados de monte”, senón por desenvolver de forma efectiva os plans contra incendios por distrito e por municipio, tal e como recolle a Lei Contra Incendios de Galicia. E tamén “dispoñendo de forma efectiva dos 7.000 traballadores e traballadoras coas que deberiamos contar segundo a RPT (relación de postos de traballo da Xunta)”, explica Rodríguez. “Gábanse de que contamos con esa cantidade de persoal, pero hai moitísimas prazas sen cubrir”. Rodríguez relatou que en moitas ocasións as unidades están tan reducidas que “aos incendios acoden dúas ou tres persoas en cada grupo”.

A falta de persoal non afecta en exclusiva á extinción, senón tamén ao control do monte. “Seguimos contando cos mesmos efectivos que cando se creou o corpo, pero agora temos moito máis traballo”, explica. Unha desas tarefas ás que fai referencia é o control de fincas, dos lindes das estradas ou das liñas de alta tensión. “Temos que facer denuncias continuas para que se limpe o monte, pero sabemos que moitas non se tramitan porque á administración non lle interesa molestar a certas persoas e empresas”, di o axente forestal.

Parque móbil envellecido e parque aéreo privatizado

Outra das problemáticas que traslada o sector é un parque móbil de todoterreos con 20 anos de media e máis de 500.000 quilómetros “feitos maiormente en pistas forestais”. Por outra banda, “a privatización de todos os medios aéreos de extinción de incendios provoca unha enorme inseguridade á cidadanía, pois estas empresas cobran por cada vez que se usan os hidroavións e helicópteros, o que significa que só gañan cartos se o monte arde”, di Solla.

Na reunión tamén se tratou sobre a necesidade de aprobar unha Lei Básica de Axentes e Bombeiros Forestais a nivel estatal, para harmonizar os criterios laborais e mellorar a coordinación destes corpos. Á Xunta se lle reclama que escoite as aportacións dos e das traballadoras sobre o Plan de Defensa Contra Incendios, e que se realice un estudo de cargas de traballo para reorganizar as unidades actuais en relación ás necesidades reais.

Categorías:

Comparte: