COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG rexeita o peche de Vestas e solicita a intervención inmediata das autoridades.

3 de outubro de 2021

O Partido Comunista de Galicia quere mostrar a maior das repulsas ás decisións adoptadas por Vestas nas últimas semanas. Unha actitude por parte da factoría de turbinas de eólicos que pon en perigo o emprego de 115 persoas, así como o futuro económico e industrial do país. A decisión de Vestas de pechar a súa planta de Chavín en Viveiro só pode ser denominada como un auténtico crime económico. Un acto inspirado pola especulación que non ten en conta o benestar das e dos traballadores que durante dúas décadas sostiveron a produción da planta, nin mostra un mínimo de consideración cara un pobo que albergou as instalación da empresa durante os últimos anos. Por todo isto, é indignante que a compañía danesa, ademais, veña de anunciar que se nega a calquera tipo de encontro que permita unha solución dialogada ao conflito. É importante lembrar que Vestas recibiu decenas de millóns de euros en axudas públicas durante a última década e que o anuncio de peche na planta de Viveiro aparece só tres anos despois de que fixera o propio en Villadangos do Páramo (León), deixando sen traballo a 362 persoas.

 

O posible peche non é só un forte pau para as traballadoras e traballadores, senón que tamén unha situación completamente irracional e anacrónica. Nun momento histórico no que a aposta polas enerxías renovables xa non é unha opción, senón unha obriga para as sociedades avanzadas, o peche de plantas adicadas á fabricación de compoñentes para aeroxeradores é un contrasentido difícil de xustificar. Ademais, nas últimas horas fontes cercanas á empresa recoñecen que a planta de Chavín é rentable, polo que o anuncio do peche da factoría é inxustificable dende calquera punto de vista.

 

A decisión de Vestas vén seguido da xa executada por Siemens Gamesa. Non podemos permitir que mentres Galicia alberga centos de eólicos espallados polo noso territorio, a produción das infraestruturas precisas para canalizar a nosa enerxía sexan fabricadas en terceiros países. Debemos recuperar o control sobre a produción da enerxía e así beneficiarnos do emprego xerado polo sector. A Xunta de Galicia ten que tomar cartas no asunto e desenrolar un plan estratéxico para o sector eólico. Non podemos estar á mercé das actividades especulativas e caprichosas das multinacionais estranxeiras do sector.

 

A decisión de Vestas vén a socavar aínda máis a crise industrial que está a sufrir Galicia nas últimas décadas. Concretamente, na Mariña este novo conflito obreiro súmase á loita que a plantilla de Alcoa San Cibrao vén librando contra as actitudes mafiosas da multinacional estadounidense.

 

Por todo isto, o Partido Comunista de Galicia esixe a paralización inmediata do ERE presentado e insta á administración autonómica e estatal a desenrolar unha política industrial enérxica. Estamos ante un momento decisivo para impulsar un cambio no modelo económico. É o momento de nacionalizar as empresas estratéxicas para a nosa economía e o noso sistema produtivo. Os gobernos central e autonómico deben deter de maneira inmediata o ERE presentado pola multinacional noruega. Están en xogo 115 empregos, pero tamén o futuro dun sector clave para o noso país.

 

Categorías:

Comparte: