COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Os 100 anos que virán. Artigo de Eva Solla.

8 de abril de 2021

Camiñaba máis lento ca min e puiden alcanzalo ao saír do tren. Saudeino e xirouse para recibirme. O camarada Luís “Ferreiro” tiña oitenta ou oitenta e un anos aquela tarde -xa case noite- de inverno. Camiñamos ata o cruce onde os nosos camiños se dividían, mentres me preguntaba que tal me ía todo e me dicía que lle gustaría poder axudarme un pouco máis no meu traballo coma deputada e nas miñas responsabilidades como Secretaria Xeral. Parámonos e seguimos charlando de pé, no medio dunha praza. Luís volveume contar o momento cando tivo que traerse a multicopista de Portugal, o medo que pasou a ser descuberto e o ben que o trataron os camaradas portugueses. Non lembro canto tempo pasamos de pé, pero despois dunha boa charla, volveume ofrecer a súa axuda para o que precisase e nos despedimos cunha aperta -¡que tempos pre-pandemia!-.

 

O camarada Luís “Ferreiro” faleceu neste 2021, cando estabamos entretidas pedíndolle ao aínda incipiente ano, que fose máis benévolo que o anterior.

 

Aínda que moi probablemente moitas e moitos camaradas non terán coñecido a Luís “Ferreiro”, estou segura que case en cada Comité poderán recoñecer entre os militantes do PCE a un “Ferreiro”. Un camarada ou unha camarada imprescindible, deses que se xogaron a pel moitas veces polos seus ideais, que sufriron literalmente nas súas carnes a represión, dos que comprometeron a súa vida familiar e os seus recursos para a organización e a loita. Eses mesmos que en décadas nunca abandonaron a militancia. E por militancia non digo pagar unha cota e ler o “Mundo Obrero”... se non participar, coma comunistas, en todos os conflitos sociais en cantos lles permitiu a súa vida participar.

 

O PCE está cheo de “Ferreiros” que sendo dos imprescindibles, nunca tiraron a toalla e ofreceron a súa axuda non só aos cadros dirixentes, se non, e sobre todo, a canta persoa traballadora puidera necesitala. De esa pasta está fraguado o noso Partido.

 

O PCE cumpre 100 anos -que non 100 primaveras- no medio dunha Pandemia e dun mundo moi “tolo”, no que a ameaza da ultradereita e o fascismo sobre os dereitos da clase obreira son novamente unha realidade.

 

Mentres, millóns de traballadoras e traballadores seguen necesitando loitar polo máis básico. Ter un teito, un prato de comida, acceso á sanidade e á educación. Ter un emprego con dereitos. Mínimos imprescindibles para a dignidade da clase obreira.

 

E debe ser a dignidade desa clase obreira a que mobilice as nosas forzas e centre a nosa acción coma Partido. Non en van dicía Marcos Ana no 90 aniversario do PCE que el debíalle ao noso Partido ter mantido a dignidade no medio das circunstancias tan terribles que lle tocou vivir.

 

E no medio deste marasmo de vacinas, máscaras, ERTES, toques de queda, necesidades básicas e medo -moito medo- parece moi lonxe aquel 14 de novembro no que, non sen poucas dificultades, nacía o Partido Comunista de España. E sen embargo, non quedan tan lonxe as similitudes dos retos aos que se enfronta o PCE de hoxe.

 

A sociedade mudou de xeito profundo, o modelo de Réxime non é xa o mesmo e as bases dos sectores produtivos tornaron cara un sistema tercerizado. Sen embargo, o requisito de fuxir dos conflitos internos e dar debates realmente apegados á realidade da clase en España, seguen sendo unha necesidade. Como abordamos esa necesidade definirá o modelo de partido que queremos.

 

O noso país atópase nunha crise complexa. O impacto económico e social da crise sanitaria é unha chuvia que chove sobre o mollado da crise do capitalismo financeiro que arrastrou -y aínda arrastra- a millóns de familias obreiras en España.

 

Pasionaria dixo nun dos seus discursos que en todos os países con sistemas capitalistas producíanse enormes catástrofes económicas. A catástrofe na que leva sumido o pobo español desde 2008 arrastrou á pobreza a máis de catro millóns de persoas e o impacto da Covid-19 na nosa sociedade deixou unha pegada, segundo algunhas organizacións, de preto de 800.000 novas persoas en situación de pobreza severa. O resultado son en torno a uns 5 millóns de compatriotas sumidos e sumidas na máis absoluta desesperación.

 

O noso Partido ten pois, tarefas sumamente difíciles por diante. Sen abandonar a nosa acción institucional e o noso traballo interno, toca mirar cara a rúa e moldear a nosa ferramenta cara a acción, para evitar que a batalla pola dignidade destes traballadores y traballadoras a remate gañando a populista ultradereita. Pero, sobre todo, para que esta ferramenta que fai 100 anos dimos en chamar Partido Comunista de España, sexa novamente instrumento de consecución de dereitos, vehículo de loita e estandarte da dignidade.

 

Para seguir. Porque 100 anos quédansenos curtos. Para vivir coma Partido os 100 anos que virán.

 

Eva Solla. Secretaria Xeral do PCG.

Categorías:

Comparte: