COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Outro exemplo de como o estado financia a pillaxe empresarial

21 de outubro de 2024

Un ano despois de ofertar a compra da empresa pontevedresa Ganomagoga, a leonesa Emobi entra en concurso de acredores.

Talleres Ganomagoga, unha empresa adicada principalmente á produción de torres eólicas situada  no concello de Ponteareas cesou repentinamente a súa actividade a finais de 2022 por supostas causas económicas. A empresa estivo practicamente ata o último momento en plena actividade e recibindo ademais subvencións directas do goberno da Xunta de Galicia (36.300€ no 2019),  e avais por parte do estado entre 2020 e 2022 por valor de 4.918.507,86€.

Unha vez que Ganomagoga entra en concurso de acredores e despois de meses de incertidume e loita na defensas dos seus postos de traballo por parte do persoal da empresa, recíbense dúas ofertas de compra, unha por parte de GRI Towers (empresa vinculada á multinacional Gonvarri Industries) e outra por parte de Emobi Industries,  sendo adxudicada finalmente a compra por parte do xulgado a GRI Towers.  

Emobi á súa vez é unha empresa adicada tamén á produción de torres eólicas e que supostamente ía a garantir a actividade da antiga Ganomagoga e dar emprego a 50 traballadores e traballadoras non acadou que o xulgado lle asignara a compra de Ganomagoga.

Segundo a súa propia publicidade, esta empresa tiña previsto empregar en 2025 ata 800 traballadores e traballadoras no Bierzo. Pola contra os 55 actuais empregados nesa empresa teñen que enfrontarse a un proceso de incertidume con respecto aos seus postos de traballo, ou o que é o mesmo sobre o seu medio de vida, xa que esta empresa entra tamén en concurso de acredores despois de ter recibido tamén por parte do "Ministerio para la Transición Justa" subvencións por valor de 600.000€.


Tanto nun caso coma no outro, a finalidade real dos fondos públicos aportados por parte do estado a estas empresas, fondos que proveñen en última instancia do traballo da clase obreira, soamente serviron para acrecentar as contas bancarias dos empresarios. Nin para garantir o emprego, nin para manter o tecido industrial, nin para avanzar no suposto obxectivo dunha "transición enerxética sostible".

No capitalismo calquera cuestión ten interese ou non en función da súa utilidade para a súa propia reprodución. Calquera outra cuestión é accesoria. As administracións limítanse a poñerse ao servizo do capital e desenténdense da sorte da clase traballadora máis alá do que respecta á súa utilidade para manter o sistema.  

Polo camiño, explotación da clase traballadora, despilfarro de fondos públicos e esgotamento de recursos naturais.

É necesaria unha economía e unha industria planificadas en función das necesidades das persoas e non do beneficio do capital. Pero para iso hai que derrubar o actual sistema. Derrubar o capitalismo e abrir o camiño da socialización dos medios de produción e da planificación democrática da economía. Non hai terceiras vías.

Categorías: Movemento Obreiro

Comparte: