COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Pola defensa do sector industrial, pola continuidade da actividade en Siemens-Gamesa.

15 de xaneiro de 2021

O desmantelamento do tecido industrial galego segue imparable ante a irresponsable parálise das administracións. Siemens-Gamesa acaba de anunciar a súa intención de pechar a súa planta de As Somozas o que suporía o despedimento de 215 traballadores.


Estamos ante unha traxedia económica para centos de familias galegas que terían que enfrontarse á ameaza do desemprego xusto nun momento no que a incerteza económica marca o futuro do país, pero ademais tratase dun novo golpe a unha comarca, Ferrolterra, que leva décadas pagando as consecuencias da mal chamada “reconversión industrial”.


O anuncio do peche de Siemens-Gamesa é un chanzo máis dunha dinámica á que o goberno do Partido Popular non deu ningunha resposta polo de agora. Vulcano, Barreras, Alcoa, Poligal, Isowat, Alu Ibérica son a proba do fracaso dun modelo económico e o fracaso, tamén, dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Unha vez máis as traballadoras, os traballadores e todo o pobo galego somos vítimas dos intereses económicos das multinacionais. Un sistema que permite ás empresas privadas explotar os nosos recursos naturais, á nosa clase obreira e cobrar milleiros de euros en axudas públicas para , logo, abandonar as factorías e facer negocio en outro sitio.

Nesta ocasión, ademais, asistimos a un vergoñento xogo de “portas xiratorias” protagonizado por ex altos cargos do Partido Popular; executores, no seu día do acordo entre a Xunta e Gamesa e agora traballando para Greenalia, a máxima beneficiaria do desmembramento de Gamesa en Galicia. A elite económica e política utiliza os recursos económicos e naturais do país para o seu beneficio privado. É urxente replantear o modelo. É necesario extraer leccións da presente crise e desenrolar capacidade produtiva propia. O país debe ter a posibilidade de garantir a elaboración de bens e bens de equipo chaves para a sociedade, como fórmula para alcanzar a soberanía real. É esencial rematar cun modelo industrial supeditado a comportamentos mafiosos.


O Partido Comunista de Galicia rexeita enerxicamente o peche de Siemens-Gamesa. O noso territorio alberga centos de eólicos e resulta irracional o peche da empresa que fabrica parte dos seus compoñentes (a factoría de As Somozas fabrica as pas dos aeroxeradores espallados polos nosos montes). A autonomía industrial tamén radica en completar todo o proceso produtivo no noso país, e os gobernos non deberían permitir que Galicia soporte a fase de maior impacto ecolóxico e paisaxístico, e quede fora da parte produtiva que mais beneficios económicos e sociais aporta.


Esiximos un plan de choque económico para a bisbarra de Ferrolterra. O goberno do Estado o autonómico teñen unha débeda histórica con esta comarca. Os enganos do final do franquismo e dos primeiros anos do réxime do 78 merecen un resarcimento.
Siemens-Gamesa debe manter a actividade e é urxente a dinamización económica de Ferrolterra e a reindustrialización dos seus municipios.
É preciso mudar o modelo industrial do país. Non podemos deixar o futuro de Galicia en mans privadas. Tempos probas de sobra de que iso sempre acaba mal. A política seguida ate agora, de subvencionar con miles de millóns de euros en axudas públicas, tamén se demostra errónea, xa que nada impide ás empresas marchar a facer negocio e explotar ós traballadores en outros países. A democracia non é real se as grandes multinacionais poden, coas súa decisións, deixar a miles de persoas na rúa e condenar a un país á ruína e sen un futuro. Deixar a política industrial nas mans do capital está demostrado que é unha irresponsabilidade dos poderes públicos.


Precisamos un plan industrial para Galicia que xere emprego estable e de calidade. Non só para saír desta crise, non só para darlle viabilidade a Siemens-Gamesa, senón para ter un futuro próspero e seguro. É por iso que dende o Partido Comunista de Galicia apostamos por unha industria pública, ao servizo do pobo e do desenrolo económico, demográfico e
social de todos os territorios.

Categorías:

Comparte: