Pola dignificación do traballo feminino, a fin da temporalidade e a subida salarial: Folga no sector conserveiro
Dende o Partido Comunista de Galicia queremos trasladar a nosa solidariedade coas tres xornadas de folga nestas tres semanas, convocadas polos sindicatos do sector conserveiro para exixir un convenio colectivo xusto.
O sector conserveiro en Galicia é un dos máis puxantes da nosa economía. En contraste, as súas traballadoras perciben dereitos e salarios minúsculos. Tras o constante aumento de beneficios da patronal, é o momento de que a prosperidade do sector sexa tamén trasladado ao resto das traballadoras. Por iso, unímonos ás demandas de CC.OO, UXT e CIG para esixir unha subida salarial constante superior ao IPC, a dignificación do traballo feminino que garanta a equiparación salarial á dos seus compañeiros e a fin da temporalidade.
Dende o PCG sabemos que a mobilización e a loita obreira son as únicas vías para que a clase traballadora conquiste dereitos e benestar, é por iso polo que animamos a todas as traballadoras do sector conserveiro a secundar a folga deste venres, así como a do xoves 4 e venres 5 de febreiro. A loita é o único camiño para a mellora das condicións laborais.
Ademais, alentamos a toda a cidadanía a apoiar ás compañeiras acudindo ás concentracións convocadas mañá venres 21 na vilas de Vigo ás 10h diante da Xunta; Vilagarcía de Arousa ás 11h na Praza de Galicia; e en Boiro ás 12h na Praza do Concello.
Este é o momento da loita!
Por un convenio colectivo xusto para o sector conserveiro!