COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Pola industria e o futuro, folga xeral en A Mariña!

16 de novembro de 2021

Pola industria e o futuro, folga xeral en A Mariña!

Hoxe a clase obreira galega vai vivir unha xornada histórica. As traballadoras e os traballadores de A Mariña van demostrar, como xa o fixo a veciñanza de Ferrolterra en marzo deste ano, que non están dispostas a ser as vítimas pasivas das operacións especulativas das multinacionais. A xornada de folga xeral convocada para o día de hoxe na Mariña non só é un acto de protesta, senón que tamén é un exercicio de responsabilidade: a responsabilidade emanada dos intereses colectivos da clase obreira que entende que sen industria non só non hai presente, senón que tampouco existe un futuro. Dende o Partido Comunista de Galicia queremos amosar a nosa máis sincera solidariedade coas traballadoras e traballadores de A Mariña e coa súa veciñanza, e queremos manifestar o noso apoio incondicional á folga convocada para hoxe polas principais centrais sindicais e animamos a toda a poboación da comarca a sumarse á protesta.

As razóns para a loita en A Mariña non son novas, xa que durante décadas o norte da provincia de Lugo sufriu as consecuencias das políticas industrias baseadas na privatización, a especulación e o capricho empresarial, pero as crises desencadeadas en Vestas e en Alcoa nos últimos tempos ameaza con destruír economicamente toda a bisbarra.

Despois de percibir varias decenas de millóns en axudas públicas na última década, Vestas anuncia a intención de pechar as súa fábrica de Chavín en Viveiro, pretendendo deixar sen emprego a 115 persoas. A intención de Vestas únese ao recente peche de Siemens Gamesa.  É un contrasentido que mentres albergamos centos de eólicos no noso territorio, a produción das infraestruturas precisas para canalizar a nosa enerxía sexan fabricadas en terceiros países. A enerxía que se produce no noso territorio debe xerar tamén emprego. Se o noso país alberga aeroxeradores tamén debe ser aquí onde se fabriquen.

Alcoa é a historia dun dobre desfalco. Da privatización de Inespal por parte do Goberno de Jose María Aznar, que vendeu á multinacional estadounidense un sector esencial para a economía dun país desenvolvido; e polo outro lado o desfalco de Alcoa, que durante as últimas dúas décadas executou un plan para erradicar, con premeditación, a competencia da produción de aluminio no comercio internacional. Vestas e Alcoa son o exemplo de que os sectores económicos estratéxicos dun pobo non poden estar sometidos á lóxica capital nin ao servizo das estratexias especulativas do poder económico e financeiro.

Esta convocatoria de folga é a constatación, unha vez máis, de que é a clase obreira organizada a única que leva defendendo con determinación o sector industrial no noso país. Dende a incansable loita dos traballadores de Alu Ibérica ata a de Alcoa San Cibrao, a loita obreira está envorcada en garantir un futuro mellor para todas e todos.

No Partido Comunista de Galicia consideramos que xa rematou o tempo das promesas e as declaracións de intencións. Os gobernos autonómico e central deben aportar solucións e investimentos. Non é aturable que o sector privado conduza ao colapso a unha bisbarra e a un país ante a inacción do poder público. Estamos ante unha crise de dimensións nacionais: Vestas e Alcoa supoñen o 40% do PIB da provincia de Lugo. É urxente a intervención inmediata de Alcoa San Cibrao e Vestas, así como a execución dun plan que revitalice o tecido industrial de A Mariña, así como o do resto de Galicia.

Animamos a toda a veciñanza a secundar a xornada de folga e a acudir á manifestación que ás 12 percorrerá as rúas de Burela, dende o Hospital ata a Praza do Concello.

Categorías: Secretaría Comité Comarcal de Lugo

Comparte: