COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Pola xestión pública da auga: O PCG reivindica a xestión pública dos servizos de auga en Ponteareas

8 de xuño de 2021

Ata fai pouco, a impresión maioritaria sobre os servizos públicos era que os xestionados directamente polas administracións, sobre todo as locais, resultaban máis custosos e ineficientes fronte aos servizos xestionados de forma indirecta a través de concesións. É indubidable que esta idea foi fomentada por parte dos poderes económicos e os seus serventes políticos para facilitar a privatización de todo aquilo de onde se puidera sacar beneficio. Os servizos públicos son un suculento nicho de negocio para as grandes empresas, negocio que queda fora do seu alcance coa xestión pública. Un sector onde obter beneficios practicamente sen flutuacións, ao contar cunha "clientela cautiva" e funcionar en forma de monopolio. Os servizos públicos son o sector idóneo onde poder investir o capital cando os mercados se esgotan e a taxa de ganancia decrece. 

É tal o interese por parte dos operadores privados en xestionar os servizos públicos, que están dispostos a ofrecer inversións millonarias nos mesmos con tal de facerse con eles, sabedores como son de que en pouco tempo recuperarán a inversión e obterán beneficios. Este feito provoca que boa parte dos representantes políticos, máis preocupados polos resultados electorais que comprometidos coa boa xestión dos servizos municipais, cedan gustosamente ante as ofertas destes operadores privados e privaticen servizos ou renuncien a recuperar a súa xestión directa. Non hai como un lavado de cara dun servizo ou a promesa de inversións millonarias para poder venderlle á poboación o espellismo dunha boa xestión. Pouco lles importa que isto supoña atar as administracións a intereses privados e restarlle capacidade de decisión ou que ao final a cidadanía acabe pagando máis caro un servizo que moitas veces vai empeorando co tempo. 

Pero pouco a pouco, parece que esa impresión de superioridade da xestión indirecta, vai mudando. As causas poden ser moitas: a proliferación de corruptelas asociadas á xestión dos servizos, a baixa calidade e carestía da prestación dos mesmos en moitos casos, o traballo da "batalla das ideas" levadas a cabo por colectivos sociais e partidos non submisos aos ditados do capital e, xa nos últimos tempos, a tremenda lección sobre a necesidade do pleno control dos servizos públicos por parte das administracións públicas que nos viu a dar a pandemia do COVID 19. 

No caso concreto da xestión do ciclo integral da auga, hai que ter en conta que estamos falando dun servizo básico e fundamental para a vida, o que esixe que en ningún caso estea subordinado ao interese privado e que se preste con criterios de solidariedade, eficiencia, sostibilidade e suxeito ao control democrático. Non se pode permitir que ningunha persoa se quede sen acceso á auga por falta de recursos económicos nin que se malgaste este recurso cada vez máis escaso. Mediante a xestión directa pódese garantir o subministro de auga potable independentemente da capacidade económica da persoa usuaria sen ter que compensar a posible perda de beneficio de ningunha empresa privada e, por outra parte, pódense regular as tarifas en función do consumo e non primando o malgasto, como sucede en moitos casos nos que a tarifa contempla consumos mínimos moi por enriba do necesario. Ademais disto, mediante a xestión directa os posibles beneficios, que de outro xeito irían a parar aos petos dos accionistas dunha multinacional, pódense utilizar na mellora das redes e equipamentos, na mellora do servizo e mesmo pode ser unha fonte de ingresos pública ao tempo que se abaratan os recibos á veciñanza. 

Que a auga é un ben cada vez máis escaso sábeno ben os operadores dos mercados financeiros, por iso están comezando a metela nos mercados de futuros e, polo tanto, como mercadoría coa que especular. Toca unha defensa férrea da auga como ben público. Ou iso, ou serán as grandes empresas transnacionais as que nos regulen o acceso a un ben tan básico. De aí a importancia das campañas pola remunicipalización da xestión integral do ciclo da auga como a que está realizando no concello galego de Ponteareas Esquerda Unida co apoio do PCG. Unha loita que temos que dar en tódolos ámbitos onde nos sexa posible.

Categorías: Vigo

Comparte: