COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Por mulleres e por obreiras, loitamos!

8 de marzo de 2025

 Neste 8 de marzo, as camaradas do PCG saímos á rúa para reclamar igualdade no traballo, tanto produtivo coma reprodutivo, que é un paso imprescindible para rachar as cadeas que nos oprimen como mulleres e poder loitar como obreiras por un camiño ao socialismo.

A fenda de xénero é estrutural, vennos dada polo feito de nacermos mulleres, o que dá lugar a unha socialización diferenciada segundo roles e estereotipos. Dende a infancia vaise asignando ás rapazas o rol de coidadoras e mantedoras da familia, mentres que os nenos son inclinados á técnica, á ciencia e ao liderado. A falta de referentes, xunto con outros factores, fai que moitas mozas non se inclinen cara os estudos relacionados con matemáticas, física, tecnoloxía e enxeñaría, que son os que na actualidade teñen mellores saídas laborais.

Na etapa laboral, estamos a ver como a incorporación das mulleres ao traballo remunerado é un feito indiscutible, así como a redución da fenda nas horas de traballo doméstico e de coidados entre homes e mulleres. Aínda así, a desigualdade é evidente. Vemos como en 2023 as excedencias por coidado de menores corresponden nun 87% ás nais e por coidado de familiares, o 75% son asumidas polas mulleres. Hai que dicir que na primeira década deste século, estas porcentaxes eran do 96% e do 85% respectivamente, polo que tamén é comprobable a tendencia á equiparación.

Tamén temos que falar dun 75% de mulleres entre a poboación asalariada a xornada parcial. Esta temporalidade é na metade dos casos por non poder atopar un emprego a tempo completo. Tamén vén debida ás necesidades de coidado de crianzas, maiores ou persoas dependentes. Todo isto nun contexto de traballos temporais e perda do poder adquisitivo, con dificultades para acceder a unha vivenda ou o aumento dos prezos dos alimentos, o que impide a independencia e novos proxectos de vida.

A inserción laboral é tamén moi desigual entre os sexos: os sectores máis feminizados son os que teñen unha maior precariedade e peores condicións laborais. O 44% das mulleres traballan en sectores cuxo salario medio está moi por baixo da media nacional. Dentro destes sectores, estamos a ver como o desmantelamento dos servizos públicos precariza aínda máis determinados traballos, coma o ensino, a sanidade ou a atención á dependencia. As traballadoras denuncian á subcontratación de empresas por parte dos concellos, que diminúen custos nos gastos de desprazamento en horario laboral. Tamén unhas condicións de penosidade, por estaren illadas nos domicilios, en ocasións tratando con persoas que padecen trastornos mentais ou en risco de sufrir acoso ou agresións sexuais. Tanto neste sector coma no da limpeza tamén se invisibilizan enfermidades profesionais, tanto por cargas excesivas coma por lesións posturais.

Todos estes factores inflúen tamén na etapa da xubilación, xa que as mulleres cobran pensións máis baixas, debido a menores retribucións e maiores interrupcións ao longo da vida laboral. Isto dificulta o acceso a unha rede de atención que nestes momentos é de xeito maioritario un negocio para as empresas, mentres que as familias teñen dificultades para acceder a unha residencia ou a unha atención domiciliaria.

A defensa dos servizos públicos ten que ser nestes momentos unha prioridade, xa que estamos sendo testemuñas dos tambores de guerra que veñen da UE, cuxos líderes reclaman un aumento no gasto militar a costa de recortar en servizos básicos para a sociedade. Cómpre espertar a conciencia antiimperialista e opoñerse a aventuras bélicas que pretenden converternos en carne de canón para maior gloria do capital e os seus lacaios.

As comunistas temos que loitar tamén contra a normalización de explotacións coma a prostitución, os ventres de alugueiro ou a industria do porno, que, lonxe de ser unha opción libre das mulleres, como se nos quere facer ver, aprovéitase de situacións de necesidade e as converte en meros obxectos, ao mesmo tempo que fomentan nos varóns o sentimento de posesión. Só coa igualdade das mulleres e dos homes traballadores imos conseguir loitar en unidade pola emancipación da nosa clase.

 

Categorías: Comité Nacional

Comparte: