COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Cen anos roubados: capital, traballo e horas extra non pagas en Galicia

27 de outubro de 2025

Galicia é unha das Comunidades Autónomas onde se fan máis horas extra, tanto pagas como non pagas. A clase obreira en Galicia realizou 175.918 horas non pagas durante o ano pasado, o que representan cen anos de traballo medio en Galicia. Deste xeito, a extracción de plusvalía a través de horas extra equivale a eses cen anos totais de traballo. En termos dinerarios, isto implica que os capitalistas galegos obtiveron case catro millóns de euros grazas ás horas extra non pagas, isto calculado con respecto a unha hora normal, sen contabilizar o incremento nas horas extra.

A teoría marxista identifica a prolongación da xornada laboral como unha ferramenta para aumentar a explotación da clase obreira, estendendo a cantidade do denominado “plusvalor absoluto”. Canto máis traballa un traballador, a igual salario, maior é a ganancia para o capitalista. A ninguén se lle oculta que as horas extra non pagas son unha das formas de explotación máis transparentes das relacións capitalistas. Ademais, a explotación a través de horas extras non pagas desincentiva a inversión produtiva e o desenvolvemento tecnolóxico: se o capital pode aumentar a ganancia pola vía da extensión da xornada, sentirá menos presión competitiva para aumentar a súa produtividade. A dependencia estrutural das horas extra non retribuídas, ademais de empobrecer a clase obreira, pode contribuír á nosa debilidade produtiva.

Relacionado co anterior, a participación das rendas do traballo no PIB de Galicia é inferior ao resto de España. Non se pode máis que conxecturar a relación entre horas extras non pagas e descenso na participación no PIB. Porén, a realidade é que o capital desprega unha ofensiva total para aumentar a súa ganancia e, consecuentemente, a clase obreira sofre con xornadas extenuantes que, pese a todo, non alteran o salario percibido. As repercusións desta explotación non son exclusivamente económicas, senón que tamén físicas, psíquicas e sociais, afectando á saúde e á vida familiar.

Neste marco cobra un significado diferente a batalla contra o mal chamado “absentismo laboral” despregada polo capital. Esta ofensiva pretende cargar na clase obreira os males da economía española, insinuando a idea de que “roubamos tempo” ao empresario, provocando perdas ás empresas. Como recoñecen os informes de Randstad nos que acostuman basearse estas novas, a realidade é que se conta como absentismo, por exemplo, unha baixa laboral, permisos retribuídos ou folgas legalmente recoñecidos. Máis alá de que a meirande parte de casos computados como “absentismo” son períodos de recuperación, descanso ou permiso legalmente previstos, cómpre preguntarse ata que punto é a propia intensificación do traballo, o ritmo produtivo e a presión por xornadas prolongadas non pagas o que provoca esas situacións que logo se estigmatizan como “absentismo”.

O capital continúa a súa loita por aumentar a ganancia a costa da suor da clase obreira. Á vez, trata de convencernos de que somos nós quen roubamos aos empresarios ao desfrutar dunha baixa laboral ou ao esixir que se nos paguen as horas extra. A realidade é que traballadores e capitalistas non poden eludir unha loita aberta arredor do salario e a ganancia. A única saída está na máxima socialista de “de cada quen segundo o seu traballo”. Namentres non derrubamos o réxime capitalista, a loita contra as horas extra non pagas é unha das prioridades para organizarnos arredor dos nosos intereses e gañar posicións na loita de clases. Para esta loita precisamos do apoio colectivo, a denuncia das prácticas empresariais e a acción directa colectiva esixindo computar as horas extra, negándose a realizalas, e atacando as ganancias do capital, todo isto apoiados pola protección da acción sindical.

Categorías: Comisión Política

Comparte: