¡Vivenda por dereito, pública e social! ¡Non se especula co fogar!
Vivimos a segunda crise da vivenda no que vai de século. Na primeira crise, centos de miles de persoas foron desafiuzadas e arruinadas. Agora varios millóns sofren a carestía do alugueiro sen apenas escapatoria, miles de mozos non poden emanciparse e cada vez máis sectores da poboación adulta deben compartir piso sen desexalo. Mentres, continúan os desafiuzamentos daqueles que menos se poden defender, en mans de xuíces que saltan a lei. En moitos barrios repunta o facinamento e a infravivenda.
Pero, por que está a ocorrer isto? A poboación e os fogares creceron moito nas cidades e zonas turísticas, pero o número de vivendas non. Ademais, parte delas agora son pisos turísticos. A chegada de traballadores migrantes a estas zonas súmase aos sectores máis precarios da clase traballadora que xa vivían nelas. Cada vez máis xente só pode acceder á vivenda a través do alugueiro. Este desequilibrio está a provocar o aumento da carestía e da penuria da vivenda. Nada novo baixo o capitalismo.
Esta situación está a acelerar cambios estruturais no modelo de vivenda guiados polo interese do capital. Grazas a mellores salarios e á masiva construción de VPO ata os anos 90, e despois, ao acceso ao crédito, en 1999, o 86 % dos fogares dispoñía de vivenda en propiedade, máximo histórico. En 2023, apenas o 75 %. Cada vez máis fogares viven de alugueiro, pasando do 14 % ao 18 % en 20 anos, o que indica que aumenta o número de multipropietarios. Cada vez máis vivendas volven ao ciclo do capital para extraer beneficios, cantos máis, mellor.
Este proceso de acaparamento de vivendas tivo un impulso importante tras a Gran Crise iniciada en 2008. Máis dun millón de vivendas están en mans de grandes propietarios, contando só aqueles que posúen 10 ou máis vivendas, polo que moito máis dun terzo das vivendas en alugueiro están en mans de grandes ou medianos capitalistas. Desde 2012 proliferan as SOCIMIS, capital dedicado a mercar - tamén a construír - vivendas para alugar, sen pagar imposto de sociedades. Súmanse a bancos, fondos de investimento e promotoras que comezan a construír ou a mercar para alugar, non para vender.
O capital vai a por as vivendas. Tanto que bancos e aseguradoras persuaden á xeración do “baby boom” para que “monetice a súa vivenda”. Os mesmos que sementan pánico sobre a okupación e dúbidas sobre as pensións públicas, co obxectivo de privatizalas xunto coa sanidade, e que fan negocio coas residencias da terceira idade. “Dáme a casa e terás unha xubilación tranquila”, din os voitres. A casa mércana barata, os coidados véndenllos moi caros. O capital quere facerse co inmenso patrimonio inmobiliario acumulado por xeracións da clase obreira, pagado cos seus salarios e cos seus impostos que financiaron a VPO.
Estas vivendas en propiedade están cada vez máis infraocupadas. Máis de 5 millóns de fogares unipersoais, case o 25 %. No extremo oposto prolifera o facinamento, o alugueiro de habitacións, a infravivenda. E o capital berra: ¡A construír máis barrios! ¡Cidades máis grandes! ¡Subvencións para min! Pero con discreción, acapara as vivendas que existen no centro das cidades para convertelas de novo en mercadoría, expulsando a quen vive de alugueiro ou mercando barato para alugar caro. É o novo vello modelo: propietarios vs proletarios.
Hai que preguntarse, quen vai dirixir a gran e necesaria reforma e ampliación do parque de vivenda e das cidades do país? ¿O capital para enriquecerse ou a sociedade para garantir o dereito á vivenda digna, á cidade e ao país digno? Á vista da historia, témolo claro: a vivenda debe ser unha infraestrutura pública para atender as necesidades sociais de forma xusta e democrática, non unha mercadoría que se merca e se vende.
Esta é a liña mestra: ampliar o parque público de vivenda para alugueiro social por todas as vías posibles e para a súa xestión crear un sistema de asignación segundo criterios sociais e ecolóxicos, mediante procesos democráticos e participativos, co obxectivo da cidade dos 15 minutos.
Hai que construír vivendas e ampliar as cidades para superar a crise? A clave é a planificación pública e democrática. Só hai que construír se é menos custoso que adquirir vivendas e edificios, reformar, adaptar, rehabilitar. Por exemplo, para crear solucións habitacionais e de coidados para persoas dependentes, dentro da estratexia de desinstitucionalización.
Hai que descentralizar institucións para descargar poboación das grandes cidades: o camiño oposto á megalópole, insostible desde o punto de vista ambiental, de saúde e de coidados. Igualmente, hai que xeneralizar un modelo de vivenda dotado de bens e espazos comunitarios para socializar e profesionalizar tarefas domésticas, o que permitirá aforrar enerxía e materiais, reducir o desperdicio alimentario, xeneralizar o consumo de km 0, con obvios beneficios sociais e ecolóxicos.
Pero... que facer de inmediato ante a situación de carestía do alugueiro?
- Alugueiro indefinido e rendas actualizadas segundo o índice público.
- Penalizar ás CCAA que non apliquen a limitación do prezo do alugueiro e incentivar o cumprimento da Lei de vivenda.
- Prohibir novos pisos turísticos, subir impostos aos actuais e perseguir os irregulares para que pasen ao alugueiro residencial.
- Dotar de recursos a estrutura pública de xestión de solo e vivenda de todas as Administracións, especialmente a inspección.
- Rehabilitar e adaptar o parque de vivenda ao cambio climático.
Este é un resumo das análises e propostas do PCE para resolver o problema da vivenda. Queremos compartilas coas organizacións que defenden o dereito á vivenda digna, para alcanzar obxectivos comúns. A batalla é e será dura, dado o poder de quen quere seguir facendo negocio coa vivenda, pero con unidade, organización, mobilización social e electoral, lograrémolo.
Vivenda por dereito, pública e social!
Non se especula co fogar!