Aínda que sabemos que o patriarcado é anterior á aparición do capitalismo, é evidente que a simbiose establecida entre os dous é unha realidade, de xeito que a opresión das mulleres vén dada tanto por clase coma por sexo. As mulleres continúan sufrindo as consecuencias da división sexual do traballo, xa que aínda que se incorporaron na súa gran maioría ao mundo laboral, seguen a realizar dobres e triplas xornadas, por recaer nelas a reprodución da forza de traballo. Esta carga adicional supón que a maior parte das xornadas parciais, as excedencias ou abandonos do posto de traballo por motivos de coidado de crianzas e persoas maiores ou dependentes son por parte das mulleres. Afecta tamén á súa vida social, ás actividades de lecer e á participación política. E aínda máis, a dependencia económica dentro da parella dificulta a separación e a denuncia, no caso de violencia machista.
Esta división sexual do traballo, que provoca os chans pegañentos e os teitos de cristal, fai que as mulleres ocupen os postos de traballo nos sectores máis precarios e con menor consideración social, aínda que sabemos que son indispensables para o mantemento da vida. No ensino e a sanidade, por poñer dous sectores feminizados, son maioría de mulleres as que ocupan os postos con menores retribucións (mestras de educación infantil ou auxiliares de enfermaría, por exemplo), mentres que son clara minoría nos postos máis altos (catedráticas ou xefas de servizo de hospitais). A depauperación dos servizos sociais que se está a producir inflúe tamén na vida das mulleres, que non poden acceder aos de carácter público e non poden facer fronte ao custo dos privados, polo que moitas veces, o abandono do traballo remunerado non é unha opción.
Unha situación máis apremante é a das familias monomarentais. Un 80% das familias cunha soa persoa proxenitora están a cargo dunha muller, e por outra banda, o risco de pobreza dentro desta tipoloxía familiar é de case un 50% en España. Ao mesmo tempo, as dificultades de conseguir un emprego e manter a conciliación familiar, fan que moitas delas teñan que recorrer á economía somerxida ante a urxencia de conseguir ingresos. Son moitas as familias, principalmente con mulleres inmigrantes á fronte, que non cobren necesidades básicas e, en moitas ocasións, non acoden aos servizos sociais por temor a perder a custodia das crianzas.
O capitalismo convérteo todo en mercadoría e ofrece “solucións laborais” para as mulleres, como o sistema prostitucional ou a explotación reprodutiva, cuxos defensores, persoas con éxito e popularidade, son cada vez máis visibles nos medios maioritarios. Ante isto, defendemos a abolición da explotación sexual e reprodutiva, con medidas que non estigmaticen aínda máis ás mulleres, senón que contribúan á súa mellora das condicións vitais.
Cómpre que a clase traballadora, no seu conxunto, se organice nos centros de traballo, de estudo e nos barrios para rematar con este sistema que nos oprime.