COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

República e democracia

14 de abril de 2023

É xa un recurso manido cada vez que se aborda a cuestión da república acudir á etimoloxía e lembrar, de cada vez, que república é una palabra de orixe latino formada polos vocábulos “res” (cousa) e populus (relativo ao pobo ou público). A intuición xa nos define con certa claridade o significado do concepto, pero considero que “cousa pública” é un arcaísmo demasiado artificial a estas alturas. Creo que estaremos dacordo se a punto de rematar o primeiro cuarto do século XXI definimos república como asunto de todas e todos.

Durante moitas décadas o 14 de abril significou para as e os demócratas deste país un soño frustrado, unha ilusión fracasada. A primeira experiencia democrática, a primeira experiencia política de todas e todos rematou coa maior das barbaries. Pero preto xa de cumprirse un século daquela data é o momento de sacudirnos a melancolía do que puido ser e non foi. O 14 de abril é a lembranza dun soño frustrado, pero tamén a constatación que de ás veces a historia sae do seu letargo invernal, deixa de arrastrar preguizosamente os pés e decide asaltar o futuro dando un brinco. As xornadas do 12, 13 e 14 de abril do 31 son o relato de como un pobo toma as rendas do seu futuro e asume a responsabilidade de facer política para todas e todos.

En 1931 os partidos políticos dinásticos (partidarios da monarquía) estaban fortemente financiados, os políticos republicanos máis destacados estaban perseguidos, encarcerados ou no exilio e os caciques locais mantiñan unha enorme influencia sobre a cidadanía. Ante este panorama, cando Alfonso XIII (Alfonso XII e María Cristina non eran supersticiosos) convocou eleccións municipais para o domingo 12 de abril, co obxectivo de volver a unha situación similar ao turnismo da Restauración Borbónica, non podía supoñer que o resultado dos comicios locais daría como resultado a instauración da primeira experiencia democrática do noso país. Alfonso XIII entendeu demasiado tarde que o seu poder residía exclusivamente nunha tradición que defendía os privilexios dunhas poucas familias e que este (o seu poder) nada tiña que ver coa vontade e os intereses do pobo traballador. Naquel domingo do 1931 todas aquelas persoas que puideron votar cun mínimo de liberdade fixérono por partidos republicanos e o Borbón non tivo máis remedio que fuxir ao exilio.

O próximo 28 de maio volve haber eleccións municipais en todo o país. Calquera analoxía entre as dúas datas sería demasiado burda, xa que o contexto político do 31 e o de hoxe son moi distintos, excepto que reina un Borbón coa mesma ausencia de lexitimidade democrática. Pero ao igual que entón, estamos nas vésperas duns comicios municipais no que o réxime ten depositada a esperanza de que nada mude e todo siga sendo igual. Pero a cidadanía, as e os traballadores do Estado estamos ante unha nova posibilidade de mobilizarnos, tomar o timón da historia e asumir que a política, para ser democrática, ten que ser un asunto de todas e todos

Categorías: Barbanza

Comparte: