O PCG reta ó PSdeG a que presenten e aproben, de modo inmediato, a creación de Empresas Municipais de Vivenda nos concellos onde xa gobernan
Dende o Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia (PCG) queremos amosar a nosa absoluta estupefacción polas sorprendentes declaracións do portavoz do PSdeG no concello de Ferrol, Ángel Mato, anunciando a presentación no pleno municipal dunha proposta para crear dunha Empresa Municipal de Vivenda.
Non podemos máis que cualifica-la iniciativa de profunda e cínicamente hipócrita, e vémonos na obriga moral e política de ergue-la voz para desenmascarar a falsidade dun partido, o PSdeG-PSOE, que leva anos sendo cómplice necesario da crise da vivenda que asola á clase traballadora, á mocidade e ás familias galegas.
Señor Ángel Mato, señores e señoras “socialistas” de Galicia: a súa credibilidade neste tema é nula. As súas palabras só poden ser recibidas cun profundo escepticismo, fundamentado na súa traxectoria real de goberno.
O PSOE é parte do problema, non da solución.
En concellos como Ares, Cedeira e Valdoviño todos vemos como a especulación capitalista co aluguer turístico e os fondos buitre expulsan á clase traballadora dos seus barrios e das súas casas. Mentres, o PSOE, tanto no Goberno central como nos concellos que administra, nada fai para atallar esta sangría. Nos catro anos de Ángel Mato ao frente do Concello de Ferrol o resultado foi de cero absoluto en medidas efectivas en materia de vivenda.
A política do PSdeG-PSOE e sempre leal e sumisa ó gran capital financeiro e inmobiliario e baséase en parches, en medidas baleiras destinadas só a dar titulares, como os bonos de aluguer, un subsidio público ós especuladores, outro roubo de carto público que pasa a máns dos rentistas.
Prezos disparados sen control.
O aluguer subiu un 15,3% só neste ano 2025, nun 27% nos últimos 5 anos e un 94% na última década. Esta é a realidade das políticas de vivenda do PSOE. En concellos como As Pontes, coa desinversión industrial e o peche da central, deixou un parque de vivendas valdeiro e un futuro roubado. Onde puideron actuar, preferiron a inacción. Onde tiñan a obriga de intervir, entregáronse ós intereses privados.
O reformismo, barreira para os cambios revolucionarios.
O PSdeG-PSOE é un partido reformista e liberal. A súa función histórica é xestionar os intereses do sistema capitalista, non combatelos. A súa falsa bandeira de "esquerda" é realmente un dique de contención para frear as verdadeiras aspiracións da clase traballadora. Por iso, anuncios como o do Sr. Mato en Ferrol non son máis que manobras de propaganda electoralista, baleiras de contido real e con cero vontade política.
O reto: que falen os feitos, non as palabras.
Se realmente o señor Ángel Mato e o PSdeG cren na súa propia proposta, se non se trata de outra cortina de fume para tapar a súa inacción crónica, dende o Partido Comunista de Galicia PCG lanzámoslles un reto público e contundente:
Ó PSdeG-PSOE de Ferrol e Galicia:
Retámolos a que presenten e aproben, de modo inmediato, a creación de Empresas Municipais de Vivenda con dotación orzamentaria real, nos concellos onde XA GOBERNAN: Neda, Ares, Mugardos, Valdoviño, Cedeira, As Pontes e A Capela.
Retámolos a que demostren con feitos e non con palabras valeiras, que a súa proposta é real. Que nos referidos concellos onde gobernan poñan en marcha xa, inmediatamente, instrumentos públicos e democráticos que xestionen e prioricen o dereito á vivenda sobre o dereito ó lucro; que constrúan vivenda pública en réxime de cooperativa ou aluguer social a prezos asequibles, que expropien vivendas baleiras en mans de fondos buitre e que regulen con firmeza o aluguer vacacional e depredador.
Fronte a estafa reformista, acción revolucionaria
O Partido Comunista de Galicia (PCG) mantén firmes as súas propostas de nacionalización total do solo urbano, de expropiación dos grandes parques de vivendas en mans de especuladores e de un Plan Público de Vivenda digna que poña fin á mercantilización dun dereito básico, recoñecido incluso por unha Constitución burgesa como a de 1978. Nos, a clase traballadora, non podemos conformarnos con anúncios baleiros e parchesesiximos solucións reais, non promocións electorais.
Se o PSdeG-PSOE realmente quere cambiar algo, que dea exemplo e empece polos concellos nos que xa goberna. Se non, que cale a boca e deixe de insultar a intelixencia dun pobo que sofre nas súas propias carnes as consecuencias das súas nefastas políticas reformistas.
Pola defensa da Vivenda como Dereito, non como negocio!
Pola nacionalización do solo urbano!
Pola expropiación do parque de vivendas en mans de especuladores
Por un Plan Público de Vivenda!
Comité Comarcal do Partido Comunista de Galicia, a 29 de outubro de 2025




