Un ano máis a Consellería de Sanidade iniciou o peche estival de camas nos hospitais públicos galegos. Neste 2025 a administración autonómica decidiu o peche de 743 camas ao longo do verán.
CCOO vén de alertar que este recorte de servizos suporá que 2.364 persoas quedarán sen ingresar en Galicia nos próximos meses. Un dato francamente preocupante que choca coa argumentación ofrecida ano tras ano pola Consellería de Sanidade para tentar xustificar a diminución de servizos que cada ano veñen aplicando á sanidade pública.
En concreto, a administración leva argumentando desde fai década e media que nos meses de verán existe menos demanda asistencial e que non son precisas tantas camas. A realidade desminte esa afirmación, xa que as listas de agarda non paran de engordar -un 36% máis de agarda nos últimos 6 meses- e se ben pode presentarse certa estacionalidade nalgúns motivos de ingreso -coma no caso de algunhas infeccións respiratorias- o certo é que no verán aumentan outros motivos de hospitalización.
Nun momento no que as listas de agarda superan un 20% as cifras de antes da pandemia e 45.834 persoas agardan en Galicia a seren intervidas cirúrxicamente, cal podería ser o motivo para non aproveitar esas 743 camas e a alta tecnoloxía sanitaria para alixeirar esa agarda?
A resposta é doada de adiviñar. Gastar menos na pública e beneficiar á iniciativa privada.
Segundo a Plataforma SOS Sanidade Pública os datos de atención sanitaria privada en Galicia supoñen xa o 25% do total da atención hospitalaria. E como todas e todos sabemos, desde a aprobación da “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” a atención sanitaria se garante tendo en conta ao sector privado, isto é derivando todo o que non se atenda no SERGAS no tempo estipulado.
Así que o peche dunhas camas tan necesarias para enfrontar a crecente lista de agarda se traducirá nun máis que probable incremento dos traslados á privada e con iso, nunha maior drenaxe de orzamento público cara as empresas.
Por suposto, a existencia de menos camas dispoñibles tamén repercutirá nos servizos de Urxencias dos nosos hospitais, ao condicionar que se non hai camas dispoñibles as e os pacientes teñan que agardar nunha cama nun corredor ou nunha sala. Uns servizos de Urxencias que, por certo, vense tamén abocados a asumir o incremento da carga asistencial derivada dos recortes na atención primaria durante o verán.
En resumidas contas, a redución de servizos no verán non se debe nin á diminución da demanda asistencial, nin ás vacacións do persoal, nin á optimización de recursos. Esta redución de servizos que cada ano ameaza os nosos dereitos obedece simplemente á aplicación da política neoliberal da dereita na nosa sanidade.
Quizás debemos lembrar que a enfermidade non ten vacacións. Lamentablemente, os recortes na sanidade pública tampouco.