COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Santiago non se vende: sobre o desaloxo do Escárnio e Maldizer

27 de xaneiro de 2026
O peche dun centro social autoxestionado revela un modelo de cidade sometido á lóxica do capital e do turismo

Hai uns días, a Policía Nacional executou o desafuizamento do Centro Social Ocupado Autoxestionado Escárnio e Maldizer, en cumprimento dunha orde xudicial emitida a favor da promotora inmobiliaria La Rosaleda. O feito, máis alá da súa dimensión xurídica, expresa con claridade un conflito de fondo: que tipo de cidade se está a construír e para quen.

O Escárnio e Maldizer era un espazo de encontro, cultura e ocio non mercantilizado; un lugar onde tecer relacións fóra das dinámicas consumistas e das imposicións do mercado. Para o capital, ese valor de uso carece de interese se non se traduce en beneficio económico, sexa inmediato ou potencial. A lóxica é clara: aquilo que non produce rendibilidade debe desaparecer.

Este tipo de actuacións, avaladas polo poder xudicial, contribúen á desarticulación da vida de barrio. En Santiago de Compostela, unha cidade cada vez máis orientada ao turismo, asistimos á expulsión progresiva dos espazos comunitarios. O centro histórico convértese nun decorado pensado para o visitante, mentres a veciñanza perde lugares onde recoñecerse, socializar e construír vínculos. A cidade deixa de ser un espazo vivido para pasar a ser un produto consumido.

A turistificación non é un proceso neutro nin espontáneo. Organiza o territorio segundo as necesidades —e os caprichos— do capital global, desprazando aquelas prácticas que non encaixan na imaxe vendible do destino turístico. Así, os bares de toda a vida, os centros sociais e os espazos de ocio popular resultan incómodos porque non xeran o tipo de rendibilidade que esixe o mercado. Porén, si xeran algo moito máis perigoso para o sistema: identidade colectiva, redes de apoio e conciencia de clase.

Por iso é fundamental defender a existencia de espazos de ocio e comunidade, defender a autoxestión como práctica política e social. Sen estes lugares, a cidade perde a súa función social e convértese nun decorado, nunha máquina de extracción de valor ao servizo de intereses alleos á maioría social.

Reivindicar proxectos como o Escárnio e Maldizer é reivindicar o dereito a unha cidade para quen a habita, non para quen a explota.

Categorías:

Comparte: