COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

PECHE DE GANOMAGOGA, POLA NACIONALIZACIÓN DOS SECTORES ESTRATÉXICOS

12 de marzo de 2023

Ganomagoga pecha despois de case que cincuenta anos de actividade. Cincuenta anos durante os cales a empresa foi o medio de vida de centos de familias traballadoras ao tempo que os seus propietarios capitalistas se enriqueceron coa plusvalía xerada polos traballadores e traballadoras. 

Independentemente dos motivos do peche, algo que haberá que mirar e no que seguramente haberá causas máis alá da simple mala xestión, a empresa pecha despois de estar durante anos recibindo subvencións por parte dos gobernos autonómico e estatal. Esta práctica tan normalizada de meter fondos públicos en empresas privadas, que pode ter sentido no actual  contexto socioeconómico, no fondo ven a afondar na explotación da clase traballadora. Así, a riqueza acaparada polos capitalistas procede dobremente da clase traballadora: De xeito directo a través da extracción de plusvalía e de xeito indirecto a través dos fondos públicos que proceden tamén da creación de riqueza por parte da clase traballadora. Todo un exemplo de como o estado "democrático" é en última instancia un instrumento para garantir as ganancias das clases explotadoras ao tempo que mantén dominada á clase traballadora. 

Ao mesmo tempo estamos tamén ante unha mostra do carácter caótico do famoso sistema de mercado. A UE aprobou os fondos Next-Generation. España recibirá, entre prestamos e subvencións, 231.000 millóns de euros; dos cales, mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en torno ao 30% serán destinados ao fomento da “transición ecolóxica”. Neste sentido, xa se aprobou o PERTE de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento (ERHA); con este proxecto preténdese mobilizar 16.370 millóns de euros, dos cales 6.920 millóns proceden dos fondos Next-Generation. É dicir, financiaremos con capital público o 40% de proxectos que quedarán en mans privadas, pero ao mesmo tempo o estado permitirá que traballadores e traballadoras que levan 20 anos adicando o seu traballo ao proceso de produción de enerxía eólica, coma e o caso do persoal do Grupo Ganomagoga, queden na rúa.

Por outra banda, a determinación dos proxectos concretos de parques de produción eólica a desenvolver no noso territorio recae na iniciativa individual dos promotores privados. Son estes os que propoñen os parques eólicos que consideren, os cales deben ser avaliados ambientalmente pola administración. Este proceder significa trasladar o modelo caótico que impera no sistema capitalista á ordenación do territorio.

O proceso debería ser o contrario, planificar desde a administración a implantación dos parque eólicos en todo o territorio atendendo ao interese público; considerando todos os aspectos de carácter ambiental, así como a súa relación cos sectores produtivos e as consecuencias sociais.

POSICION DO PARTIDO COMUNISTA DE GALICIA

Dende o Partido Comunista de Galicia defendemos que a produción social debe estar destinada a satisfacer as necesidades reais das persoas e non a aumentar as ganancias do capital. Neste sentido, a industria adicada ao sector enerxético de renovables debe ser considerado coma un sector prioritario. O noso estado debe manter e aumentar a capacidade de produción de elementos destinados á xeración de enerxía renovable, polo que reclamamos que a través do SEPI se faga cargo do Grupo Ganomagoga de cara a garantir os postos de traballo e a capacidade de produción da empresa.

Dende o Partido Comunista de Galicia queremos manifestar a nosa solidariedade coas traballadoras e traballadores do Grupo Ganomagoga e poñémonos á súa disposición para o que fora necesario.

Categorías:

Comparte: