Vigo, a 11 de xullo de 2025
Desde o Partido Comunista de Galicia (PCG), queremos manifestar o noso rotundo apoio á valente acción que tivo lugar recentemente en Vigo, onde o dono libanés dun restaurante, exercendo o seu lexítimo dereito e responsabilidade social, expulsou do seu establecemento a un grupo de turistas israelísque realizaron comentarios a favor de Israel e contra o pobo palestino mentres estase a perpetrar un xenocidio en Gaza e aumenta a violencia da ocupación nos territorios ocupados.
O ocorrido na cidade de Vigo non é un incidente illado, senón un reflexo da indignación crecente que sente a sociedade galega e o mundo perante a barbarie que se comete impunemente. Non podemos nin debemos permanecer impasibles mentres se comete amasacre e o exterminio dun pobo. En momentos coma este, é imperativo lembrar que a tolerancia ten un límite: a intolerancia mesma. Ser intolerante coa intolerancia non só é un deber moral, senón unha necesidade para defender os valores democráticos e humanitarios máis fundamentais.
Está a tentarse, de forma maliciosa, equiparar a xusta reprobación pública de quen se apoia no supremacismo sionista para cometer crimes de lesa humanidade cun "delito de odio". Nada máis lonxe da realidade! Reprochar publicamente a quen defende a violación sistemática dos dereitos humanos en Gaza non é un delito de odio; é un acto de dignidade, de conciencia e de defensa da verdade. É unha resposta lexítima ante a apoloxía da barbarie. O verdadeiro odio é o que alimenta a maquinaria de guerra israelí, o que xustifica o asasinato de nenos, nenas, mulleres e anciáns, o que destrúe hospitais, escolas e fogares. O verdadeiro odio é de aqueles que agora atacan e acosan nas redes sociais a quen defendeu a xustiza por riba do odio e a sinrazón.
O sucedido en Vigo é un exemplo de que non estamos dispostas a normalizar a crueldade nin a permitir que se defenda o xenocidio nas nosas rúas. Desde o Partido Comunista de Galicia, seguiremos firmes na nosa solidariedade co pobo palestino e na nosa condena ao Estado xenocida de Israel. Facemos un chamamento á cidadanía galega para que manteña a firmeza, para que non dea un paso atrás na defensa do pobo palestino e para que continúe mostrando o seu apoio á resistencia palestina.
Palestina libre! Fronte ao xenocidio, nin un paso atrás!
Partido Comunista de Galicia