COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Volveu pasar: Desastre no mar e desastre de incompetencia

14 de xaneiro de 2024

Volveu pasar. Como unha maldición casándrica o pasado 8 de decembro produciuse, de novo, unha vertedura preto das nosas costas, e unha vez máis as autoridades non estiveron preparadas para conter a catástrofe. Se hai dúas décadas foi o fuel do Prestige, agora son unhas pequenas escamas de plástico que xa todos identificamos co termo de “pellets”.

É posible que certos accidentes non poidan ser evitables, (aínda que é unha obriga adoptar todas as precaucións que sexan precisas), pero si é esixible que as autoridades actúen con prontitude, dilixencia e responsabilidade ante este tipo de situacións e, tamén, que contemos co instrumental adecuado para atallar verteduras e afrontar accidentes marítimos con perigo para as nosas rías.

A Xunta de Galicia repite o seu particular protocolo de hai 21 anos: non facer nada e permanecer á espera de que ninguén se decate do sucedido, para, máis tarde, encadear disparates en forma de declaracións políticas. Polo de agora, a reacción do goberno de Alfonso Rueda pódese dividir en catro fases: a ocultación do suceso, unha segunda na que a Xunta pretendeu minimizar a catástrofe, despois responsabilizar a outras administración, e por último, a manipulación impúdica dos medios de comunicación como proba da incapacidade de xestión: ante a imposibilidade de afrontar con solvencia o problema tentan manipulalo, maquillalo, terxiversalo.

O comité de intercentros da RTVG convocou para o xoves 11 actos de protesta pola manipulación da información referida á vertedura de “pellets”. Denúncian as traballadoras e traballadores da televisión pública galega que non se informou do sucedido cando xa era coñecido, ocultouse a versión do goberno central e as cámaras da TVG só apareceron nas praias para seguir os pasos e recoller as declaracións das conselleiras e conselleiros do goberno de Rueda.

A manipulación propagandística da Xunta rebasou o límite do esperpento cando o martes enterámonos que a primeira limpeza do granulado de plástico por parte dos operarios da Xunta foi só unha simulación e que un dos presuntos membros da brigada, entrevistado pola TVG, tratábase dun alto funcionario da Xunta de Galicia.

Neste ambiente de incompetencia manifesta, a Xunta non declara o número 2 de alerta (requisito imprescindible para obter axuda do Estado) ata o martes 9 de xaneiro, vinte e catro horas despois de que esta medida fora tomada polo goberno autonómico de Asturias. Os primeiros pellets chegaron ao Principado o 6 de xaneiro, mentres que a administración presidida por Rueda eran coñecedores do incidente dende había semanas. O Partido Popular volve demostrar a súa incapacidade ante unha catástrofe ambiental, poñendo en perigo, unha vez máis, a biodiversidade do noso mar.

Nos últimos días, a Xunta de Galicia tenta convencernos da inocuidade do granulado de plástico que está invadindo as costas galegas, pero os primeiros estudos que se empezan a coñecer (ademais do sentido común) indícanos que isto non é así. Segundo advirten colectivos como Ecoloxistas en Acción, estes microplásticos conteñen polietileno e tereftalafo de polietileno, materiais que conteñen ftalatos: unhas sustancias sintéticas que se utilizan para aportar aos plásticos certas caraterísticas de forma e textura e que son potencialmente nocivos para a saúde.

O goberno español iniciou hai tempo os trámites para retirar nun futuro próximo os ftalatos de todos os envases adicados a conter alimentos. Os gránulos de plástico tamén conteñen filtros para frear a degradación destes pola acción do sol, e que segundo sinalan as mesmas fontes, tamén son tóxicos. Por último, está o elemento máis evidente, estes pellets poden ser inxeridos por aves, peixes e bivalvos provocando un índice de mortalidade impredicible nas especies e un efecto no ecosistema mariño aínda moito máis difícil de prever.

Por iso é urxente a intervención de todos os medios dispoñibles para frear a vertedura e atallar a contaminación.

Unha vez máis, o aspecto máis esperanzador das consecuencias da vertedura é a reacción da xente, das veciñas e veciños do Barbanza, da rías de Muros de Noia e da Arousa que en apenas un par de días, e tras constatar a inutilidade da Xunta, autoorganizouse e comezou coa limpeza das praias. A día 10 de xaneiro, xa son centos as voluntarias e voluntarios que inspeccionan e limpan as praias de todo o país. Como xa pasou coa marea negra do 2002, só o pobo salva o pobo e a solidariedade da clase traballadora organizada responde coa dilixencia, responsabilidade e eficacia da que carece o goberno da Xunta de Galicia.

Dende hai días, as camaradas do Partido Comunista de Galicia están traballando coas veciñas e veciños das zonas afectadas na recollida dos pellets para tratar de minimizar o impacto ambiental do vertedura. Pero ademais, dende o PCG esiximos responsabilidades políticas ao goberno do Partido Popular por unha actuación indiscutiblemente neglixente e manipuladora.

Por último, instamos as administracións a mellorar os protocolos así como a adquisición de instrumentos de continxencia e emerxencia para facer fronte a posibles catástrofes mariñas no futuro. Vinte anos despois vémonos na obriga de entoar o “outra vez”, pero desta, e dunha vez por todas, debe ser certo e para sempre o Nunca Máis.

Está nas nosas mans.

NUNCA MAIS

Categorías:

Comparte: