COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Voz do Pobo | Para Bellum: O rearme do PSOE como táctica burguesa

5 de abril de 2027

O gasto en defensa e a militarización dos países europeos leva meses centrando o debate político. As últimas accións dos Estados Unidos, especialmente coa ameaza a Groenlandia, un vinculado á OTAN e a UE, serven para que representantes políticos da burguesía asuman una retórica anti-OTAN. Porén, esta retórica enmascara unha proposta de rearme e fortalecemento imperialista oposta aos intereses da clase obreira e as capas populares dos países europeo

O discurso belicista está plenamente asumido polo poder político e preséntase como unha fatalidade inevitable: hai que gastar máis en armas porque o impón Putin e as ameazas a Europa. Con esta escusa, goberno español leva anos incrementando de forma continuada o gasto militar, acelerando incluso os prazos fixados pola OTAN e destinando miles de millóns a orzamentos de guerra mentres mantén contratos coa industria armamentística israelí e con outras empresas do sector. Faino ocultando datos, maquillando decisións e eludindo o debate público, ao tempo que se recortan ou se condicionan os investimentos sociais.

A Unión Europea contribúe a esta deriva permitindo que o gasto militar quede fóra das regras fiscais e ampliando competencias en defensa sen control democrático real. Cualificando estes gastos como “industriais” elude a prohibición de empregar fondos europeos para o ámbito militar ou de defensa; flexibilidade xurídica burguesa no seu máximo esplendor.

Neste contexto, Pedro Sánchez gabase de ter triplicado o gasto militar nos seus mandatos. Ademais, o dirixente do PSOE amósase “encantado” de explicar a política de gasto en defensa a Trump. A subordinación aos Estados Unidos, aínda que ás veces rexeitada para tratar de amosar autonomía, continúa a determinar a acción dun goberno incapaz de poñer os intereses da clase obreira por enriba dos cálculos da política imperialista.

O rearme non responde á seguridade da poboación, senón aos intereses da industria militar e das elites económicas; fortalece os mecanismos de control, debilita á clase traballadora e serve para desviar a atención das desigualdades e da crise social.

A guerra e a súa preparación non traen estabilidade nin protección, senón máis subordinación, menos democracia e máis poder para quen se beneficia do conflito. O discurso da seguridade serve para xustificar o inxustificable: un modelo que empobrece á maioría, consolida o militarismo e afasta calquera saída baseada na paz, na soberanía popular e na xustiza social.

Non debemos esquecer que este rearme está xa a afectar os gastos estatais, implicando unha transferencia notable de gasto público a intereses privados da industria armamentística. Ao considerar o gasto en defensa como gasto industrial, multiplícanse os proxectos militares financiados con cargo a orzamentos públicos. Galicia foi en 2024 a terceira comunidade autónoma con maior volume de negocio en defensa (490 millóns de euros). Navantia e Urovesa destacan nunha listaxe nas que se inclúen tamén Indra, Amper ou Applus. O goberno galego asegurou 183 millóns de inversión en defensa até 2030. Navantia ten recibido arredor de 20 millóns de euros en axudas públicas e Urovesa máis de 2 millóns.

De 2022 a 2023 o orzamento militar aumentou un 23,4%. En 2025 xa suma 14.451 millóns

Neste contexto, a consigna dunha política europea de defensa preséntase ás veces como unha necesidade fronte ás ameazas dende o leste e a unilateralidade dos Estados Unidos. A Estratexia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos sinala as dúbidas de se Europa poderá ser un “aliado fiable” nun marco de vinte anos, aínda que mantén a necesidade de contar con este territorio como saída para a mercadoría estadounidense.

O goberno de Trump marca como prioridade alterar as cargas de “responsabilidade” na defensa, é dicir, no control imperialista do globo. Todo isto leva a certos dirixentes europeos a cuestionarse se as relacións cos Estados Unidos deben mudar.

Aproveitando este escenario e o sentimento contrario á alianza atlántica en parte da esquerda española, Pedro Sánchez defendeu este xaneiro unha integración en “defensa común” que, de ser necesario, circunvale a unanimidade necesaria no marco da Unión Europea.

A proposta dunhas “forzas armadas realmente europeas” entra mellor nun escenario marcado polo medo á guerra e a crítica aos Estados Unidos. Sería un erro concibir a proposta dunhas forzas armadas europeas como un avance progresista a prol da soberanía. A defensa europea equivale á defensa dos intereses imperialistas europeos, da subordinación do benestar dos e das traballadoras europeos ás arelas de dominio dunha burguesía en decadencia. A proposta de defensa común europea non abandona a lóxica de bloques nas relacións internacionais que levaron a décadas de intervencionismo, conflitos bélicos e, en concreto, subordinación da política internacional española.

Como de costume, as regras de xogo da UE, que en ocasións se empregan como escusa para impoñer medidas antipopulares no marco estatal, convértense en obstáculos facilmente salvables cando se trata de avanzar nos intereses da clase dominante. Durante a crise de 2008, os acordos paralelos á UE serviron para avanzar nas políticas de control de gasto público. Hoxe, Sánchez explora esta mesma medida para privilexiar os intereses bélicos europeos.

A alternativa ao mundo dominado polo imperialismo estadounidense non pode pasar polo reforzamento do imperialismo europeo. Na confrontación entre polos imperialistas, a clase obreira só sairá airosa se racha coas accións dos seus propios gobernos e loita por debilitar as alianzas militares que anulan a soberanía popular e crispan as tensións internacionais. A fortaleza exterior dos gobernos burgueses europeos tradúcese necesariamente na fortaleza interior. Neste sentido, o dominio do capital europeo no mundo implica a subordinación da clase obreira dentro das nosas fronteiras.

En definitiva, os intereses da clase obreira pasan por rexeitar o fortalecemento da defensa común europea. O contexto é propicio para caer no engano de que calquera debilitación do dominio estadounidense será positivo para os nosos intereses.

O taboleiro internacional presenta unha inestabilidade que augura unha reformulación da que dependerán as posibilidades de acción nacional e internacional da clase obreira. A nosa audacia será determinante para aproveitar este escenario e dirixilo ás mellores condicións para transformacións revolucionarias.

Jorge Crego
Secretario Nacional do PCG


DATOS PARA O DEBATE

  1. O gasto militar conxunto da UE alcanzou en 2024/2025 niveles históricos, superando os 270.000 millóns de €, impulsado pola guerra en Ucrania e as presións da OTAN. Alemania, Francia e Italia lideran o gasto, con subas significativas nos seus presupostos de defensa.
     
  2. A industria militar europea é una das máis avanzadas do mundo, e está dominada por conglomerados como Airbus (UE), Leonardo (IT), BAE Systems (UK, aínda influínte en cooperación europea), Thales (FR) ou Navantia e INDRA en España.
     
  3. Estes xigantes controlan a produción de sistemas de armamento clave, dende avións como o Eurofighter, sistemas de defensa antimisiles, artilleria ou buques militares. Nembargantes, a UE segue a depender de EEUU en tecnoloxías críticas, por exemplo a geolocalización GPS, satélites de recoñecimento e IA.
     
  4. A UE busca maior autonomía estratéxica con iniciativas como o Fondo Europeo de Defensa, pero a fragmentación política e a competencia entre as burguesías dos Estados membros limitan a súa eficacia.
     
  5. A industria militar en Galicia (Navantia, Urovesa, Indra e pemes tecnolóxicas) ten un impacto económico relevante: arredor de 490–500 millóns € anuais de facturación no sector defensa e seguridade. Xera uns 11.500 empregos e preto de 900 millóns € de valor económico total. Empresas como Navantia (naval militar) e Urovesa (vehículos tácticos) lideran cadeas de subministración con forte efecto tractor sobre pequenas firmas tecnolóxicas e auxiliares, impulsando exportacións, I+D e actividade industrial, especialmente en Ferrolterra e área de Vigo.

Categorías: Voz do Pobo

Comparte: