COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Voz do Pobo | Unha estrela de caraveis no cemiterio de Oza

5 de abril de 2026

Manolito Bello representa o exemplo e a forza dun compromiso militante inquebrantable

Nuns tempos nos que a memoria segue a ser unha trincheira que pretenden soterrar, hai nomes que sobreviven entre os ecos dun pasado que se resiste a sucumbir ao esquecemento. O de Manolito Bello é un deles.

Asasinado con só 21 anos pola ditadura franquista, a súa figura eríxese hoxe como símbolo da loita antifascista na nosa terra. Para o Partido Comunista de Galicia, representa a entrega da mocidade militante, a forza dun compromiso inquebrantable e a dignidade daqueles que decidiron non baixar a cabeza. O seu legado chegou tan fondo que un dos colectivos da Xuventude Comunista na Coruña leva o seu nome dende hai anos.

Manuel Bello Parga, coñecido como Manolito Bello, naceu o 13 de xaneiro de 1925 na Coruña, no barrio de Monelos. Foi parte activa dunha xeración que non aceptou nin se dobrou ante a ditadura imposta no seu país. Por iso comezou a súa andaina militante na clandestinidade, nas Xuventudes Socialistas Unificadas (JSU).

En 1945 foi detido e, tras recibir a liberdade provisional en 1946, decidiu ingresar na guerrilla, formando parte da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Nese mesmo ano, tras unha acción de sabotaxe planificada na Coruña, unha incursión transformouse en fuxida e rematou cunha emboscada na rúa Rubine a mans da Garda Civil.

Manolito Bello foi o único guerrilleiro detido e inmediatamente foi acusado de asasinato tras un tiroteo no que morreu o xornalista Arcadio Vilela. O mozo sufriu o terror da Prisión Provincial da Coruña, escenario da crueza e da represión franquista. Foi condenado a morte nun consello de guerra que non contou con ningunha garantía procesual. O procedemento foi acelerado para evitar calquera posibilidade de indulto e sementar o medo na guerrilla. Finalmente, foi executado a garrote vil o 11 de xullo de 1946 no cárcere da súa cidade natal.

É neste punto onde comeza unha das tradicións que a militancia do Partido Comunista da Coruña cumpre tódolos anos sen excepción. Entre as súas últimas vontades, Manolito expresou o desexo de que na súa tumba se colocase unha estrela vermella de cinco puntas, confeccionada con caraveis. Un grupo de compañeiras e compañeiros materializouno grazas á colaboración dun empregado do cemiterio de Oza. Cando a Garda Civil viu a estrela, creron que a guerrilla saltara o muro e rodearon o cemiterio durante os días seguintes. Aquela demostración de forza non conseguiu o seu obxectivo: nos anos seguintes, a estrela vermella presidiu a tumba de Manolito cada 11 de xullo ata a actualidade.

O Partido Comunista de Galicia, a Xuventude Comunista e a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica manteñen esta cita coa memoria ano tras ano. Manolito Bello erixiuse como un símbolo da loita antifranquista na Coruña, xunto a nomes como os de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane. Mentres haxa un militante do Partido Comunista, unha estrela vermella acompañará ao seu nome no cemiterio de Oza. Porque a memoria é a mellor das homenaxes; porque os soños e a esperanza sobreviviron ao garrote; e porque sabemos que o futuro aínda lle debe unha vitoria a todas as camaradas que deron a vida por un mundo máis xusto para a súa clase.

Núcleo Comarca de A Coruña

Categorías: Voz do Pobo

Comparte: