COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

CONTRA A REPRESIÓN SINDICAL EN JEALSA RIANXEIRA E POLA INMEDITA READMISIÓN DE ENRIQUE REINO

18 de febreiro de 2023

O pasado mércores, Enrique Reino Sánchez (coñecido como Colo) foi despedido da conserveira boirense Jealsa Rianxeira.

Fai un ano Colo destacou como líder obreiro durante as mobilizacións que enmarcaron as negociacións dun novo convenio colectivo para o sector. Por aquel entón, Colo e CCOO, sindicato ó que pertence, lideraron as posicións máis avanzadas na defensa dos dereitos das traballadoras da conserva, mobilizando a miles de persoas nas rúas de Boiro e gañándose o apoio e o respecto de toda a veciñanza da bisbarra. Dende entón, a empresa puxo a Enrique Reino no seu punto de mira e tras un acoso constante, mobbing e ameazas máis ou menos explícitas o pasado mércores foi despedido.

Dende fai uns meses distintas fontes informan que Jealsa Rianxeira está tendo problemas de viabilidade debido á súa nefasta xestión, e xa existen rumores de posibles despedimentos masivos. É probable que detrás do despedimento de Enrique Reino estea a intención da empresa de recortar a plantilla e polo tanto librarse dun sindicalista que defendeu con empeño os dereitos das súas compañeiras nos últimos anos. 

Enrique Reino é delegado sindical, polo que o seu despedimento vulnera a lexislación máis básica do dereito de todo traballador e traballadora á participación sindical, pero, sobre todo, o despedimento de Colo é un acto de terrorismo patronal. A vítima deste acto de represión non é só o traballador, senón que o é toda a clase obreira. Pretenden atemorizarnos, advertirnos de que a loita ten consecuencias e que debemos estar caladas é dóciles. Pero non o van a conseguir. As e os comunistas somos conscientes do poder da patronal, pero tamén somos conscientes de que nós, unidas e organizadas, podemos plantar cara. Só se nos mantemos firmes poderemos defender os nosos dereitos e os intereses da maioría, ó igual que tamén conseguiremos protexernos todas e todos da represión dos empresarios. 

Dende o Partido Comunista de Galicia esiximos a inmediata reincorporación de Enrique Reino Sánchez ó seu posto de traballo e animamos a toda a veciñanza de Boiro e do Barbanza á mobilización constante para apoiar ó traballador ata que este sexa readmitido.

Viva a loita da clase obreira!
Nin un paso atrás!
Enrique Reino Sánchez, readmisión!

Categorías:

Comparte: