COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

"Esto es hostelería, amigo". A precariedade laboral no sector da hostalería e restauración

9 de marzo de 2021

Dicía aquela canción, no hay como el calor del amor en un bar”. E todos entendemos ben a frase: non hai nada como saír de longas xornadas laborais (ou de estudo) para desconectar cos amigos nunha terraza ou nun interior fogareño, con música agradable, desfrutando do sabor burbulleante dunha cervexa e da degustación dun rico pincho. Nos bares facemos dende tempos inmemoriais a nosa vida social, divertímonos, alimentámonos, soltamos a enerxía bailando, namorámonos e temos incribles debates sociopolíticos. Nos bares xestouse a revolución de Asturias de 1934, e tantas outras accións populares durante séculos. Os bares son a vida do pobo, dos barrios, cos seus clientes habituais prendidos da barra socializando cos camareiros ou o dono, as súas partidas de dominó, as súas escenas curiosas (algunhas dramáticas, outras divertidas) e en definitiva onde teñen lugar boa parte dos eventos da nosa vida. Pero moitas veces esquecémonos da sempiterna figura do bar, aquel que sempre está alí para atendernos e facernos felices no noso momento de relax. A man que nos serve esa cervexa con esa deliciosa tapiña feita con habilidade por un magnífico cociñeiro, que sempre ten un sorriso ou unha boa palabra, que ten cara e nome e é un traballador coma nós, mais nun horario algo diferente. Pese a ser unha ampla porcentaxe da poboación activa, non sempre se pensa no traballador de hostalería, na súa xornada, nos seus dereitos e na súa realidade.

A realidade é que a hostalería e restauración adolecen dunha precariedade abismal dende hai décadas. Non hai máis que pararse a escoitar aos camareiros que van, tamén, a relaxarse a bares de horarios máis tardíos, onde desfogan ous seus problemas laborais. As traballadoras/es deste sector toleran unha explotación e unhas faltas flagrantes aos seus dereitos que, na contra que noutros sectores, están sorprendentemente normalizadas, non só polos empresarios hostaleiros senón tamén pola mesma sociedade. Por se fora pouco, as dúas crises económicas, do 2008 e do CoVid, incentivaron os abusos da patronal ante o peche de locais e o aumento do desemprego.

Boa parte da xornada do traballador de hostalería é en negro. As aleatorias horas extra que fai páganse en B ou, directamente, nin se pagan. Nos seus contratos, xeralmente temporais e parciais (pero de xornada completa na práctica), adoitan ter categorías laborais moi inferiores ás realmente desempeñadas, facendo todo tipo de traballos fóra do que lles corresponde, pero por suposto sen cobrar ese plus. Os horarios son de tolos, cambiantes, nocturnos a miúdo (raras veces reflectido na nómina), imposibles de conciliar coa vida social ou familiar. Nas estacións de máis carga de traballo (Nadal, Semana Santa, verán especialmente) as xornadas semanais poden superar fácilmente a barbaridade das 60 horas, e moitas veces sábese cando se entra a traballar mais non cando se sae, nun bucle de horas extra infinitas a conta das sobremesas eternas do cliente e do ánimo de lucro do patrón.

Ao lastre do fraude sistemático á Seguridade Social e Facenda engádese a máxima do “todo vale” e do continuo incumplimento do Convenio Colectivo de Hostalería. O traballador é coaccionado polo medo ao desemprego para aceptar os salarios en B, e descoñecen as ferramentas que teñen para esixir os seus dereitos. Hai un sentimento de resignación total, de desidia xeral e de “heroificación” das xornadas inhumanas. A máxima é “isto é hostalería, amigo”, creando unha idea colectiva, impensable noutros sectores, de que os traballadores da hostalería débense por norma aos caprichos do patrón (e moitas veces do cliente) ate o extremo da ilegalidade. Ademáis, ao habitual individualismo do sector súmase a temporalidade e a rotación, a falta de profesionalización por consideralo, especilamente entre a mocidade, un sector “de paso”, que evita a unión destes obreiros, tendo unha das ratios máis baixas de mobilización.

Moitas veces eles mesmos son conscientes do handicap que supón a falta de unión sindical entre eles. Ao contrario que nunha gran empresa, a meirande parte da hostalería a conforman pequenos negocios de menos de 10 traballadores (o 91% en 2018 según o informe de CCOO sobre o sector), sen delegados sindicais, nas que o traballo e a situación laboral é ben diferente dunha empresa a outra; e cando a empresa é grande, existe un medo real a sindicarse. Isto é un obstáculo para a negociación colectiva, que deriva na falta de peso dos traballadores nas mesas de negociación coa patronal. É necesaria unha boa labor de asesoramento sobre a utilidade dos sindicatos e combatir o medo a denunciar os abusos laborais. A unión dos traballadores en loita polos seus dereitos é a única forma de regular realmente o sector, profesionalizarlo e, sobre todo, dignificalo.

Para esta dignificación tamén fai falta loitar contra esa infravaloración social do sector, a imaxe colectiva que relaciona ao camareiro coa servidume. Nunha sociedade capitalista, coa falsa teima da “meritocracia”, calou entre moitos sectores da pobación que a hostalería é un oficio “baixo”, conformado por persoas carentes de capacidade de traballo, abocados a aturar faltas de respeto baixo a escusa de “merecelo” por non terse esforzado máis na vida. Estas barbaridades denigrantes, continuamente oídas na rúa e leídas nas redes sociais, ignoran a realidade da dignidade da hostalería como sector, do enorme esforzo físico realizado a diario e do estrés continuo dos seus traballadores, e da tremenda profesionalidade destes (tamén cando por formación pertencerían a outro sector, cousa que parte da sociedade descoñece). Isto leva á permisividade do patrón hostaleiro con certas actitudes desconsideradas e incluso algúns abusos cara o camareiro ou camareira, dos que falaremos de seguido, e da escusa da famosa frase “o cliente sempre tén a razón” para enriquecerse a costa da falta de cumprimento dos horarios laborais do traballador.

Unha mención aparte merece a feminización do sector, nos que entran os parámetros da brecha salarial e da cosificación sexual e o acoso. Segundo o informe de CCOO, en 2018 as mulleres supoñían o 56% do sector, pero cobrando menos do 80% do salario anual do que percibían os homes, principalmente polas diferenzas de horarios nos contratos parciais. As mulleres son moitas veces contratadas para ser sexualizadas (especialmente no sector do ocio nocturno), e incluso se non é ése o caso acaban tendo que aturar acoso sexual por parte dalgúns clientes, cando non do mesmo patrón. Así, a muller da hostalería sofre, por riba da precariedade laboral, a sistémica violencia machista.

Por último, e tocando a situación da pandemia e dos peches obrigatorios, cabe mencionar a ese sector gris dos pequenos autónomos que, moitas veces, carecen de empregados, sendo eles mesmos os traballadores a tempo completo dos seus locais ou, se os teñen (xeralmente amizades e xente de confianza), saben cales son os seus dereitos ao teren sido eles mesmos explotados no pasado noutros negocios. Corremos o risco moitas veces de confundir nas protestas ás asociacións patronais de grandes empresarios da hostalería, culpables a miúdo da explotación laboral que acabamos de expoñer aquí, cos pequenos autoempregados de bar minúsculo, cercano e de barrio, que foron infinitamente máis prexudicados que os primeiros polo peche.

A importante diferenza entre ambos viuse tamén estes meses nas súas reivindicación. A patronal asociada de grandes empresarios funcionou aquí como noutros sectores, preocupada polos seus intereses e polo mero lucro. A través da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería da Coruña, os grandes empresarios esixen disparates como abrir os locais para o seu beneficio económico pese á pandemia, poder despedir aos traballadores en ERTE ou, como fixo tamén outra patronal, a Federación Galega de Comercio, recibir axudas públicas para pagar os finiquitos dos traballadores despedidos e outras faltas aos dereitos dos seus obreiros. Pola contra, a Plataforma SHostalería de pequenos autónomos e empregados pide axudas económicas para aguantar os gastos máis ineludibles, saír adiante durante a pandemia e salvar ao conxunto da empresa, pulando pola protección dos poucos traballadores que teñen. Porén, nos pasados meses, a meirande parte destas axudas institucionais foron parar, precisamente, aos grandes empresarios explotadores en vez de a eles, o que xa levou a moitos destes pequenos ao peche definitivo. Aparte da inxustiza en sí, pois as axudas (como as famosas PRESCO do Concello coruñés) deberían darse en función da necesidade e non da velocidade en solicitalas, no Partido Comunista consideramos que ningún carto público debería darse a empresas que abogan polos despidos. Facer o contrario deixaranos un panorama pasada a pandemia desastroso, perdendo os nosos locais de barrio proletarios para ser substituídos por franquicias capitalistas onde a explotación ao traballador será sistemática. Cometeríamos un erro se olvidásemos a estes pequenos autoempregados traballadores, que poden ser colaboradores dun cambio na realidade laboral da hostalería.

En resumo, fai falta unha fonda sensibilización social sobre a situación laboral da Hostalería, unha concienciación dos traballadores da necesidade de unirse para loitar polos seus dereitos fronte á patronal, e unha profesionalización do sector que revirta na súa dignificación. Necesitamos poder seguir sentindo o calor do amor nun bar, tanto fóra como dentro da barra.

Categorías: A Coruña

Comparte: