O Comité Comarcal en Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia traslada unha forte aperta solidaria ao compañeiro da CIG - As Pontes, agredido mentres colocaba unha pancarta da folga do comercio de alimentación. Desexámoslle unha pronta recuperación e trasladarlle que non está só.
Como en outras ocasións, non imos sumarnos ao previsible coro de condenas baleiras. A nosa tarefa como organización marxista é explicar por que acontecen estas cousas e axudar a organizarnos para que deixen de pasar.
NON É CASUALIDADE
Esta agresión non é un feito illado nin o arrebato de tolemia dun individuo. É un chanzo máis dunha escalada evidente. Pasamos das pintadas en sedes aos ataques a domicilios. Agora xa estamos na fase dos ataques físicos na rúa. Primeiro sinalan, despois ameazan e finalmente golpean.
Tampouco foi casual o obxectivo. É unha agresión contra o sindicalismo nun conflito laboral aberto, nunha folga por un convenio digno. O fascismo cumpre a súa función histórica: ser forza de choque contra a clase traballadora. Non ataca a calquera; actúa cando nos organizamos e loitamos polos nosos dereitos, cando lle plantamos cara ao capital.
A CLAVE É A IMPUNIDADE
Dan estes golpes e actúan porque sábense impunes. Esta impunidade constrúese e ten autores intelectuais que levan anos atizando o odio e a crispación dende institucións e tribunas: son o Partido Popular e Vox. Pero hai máis axentes, como certos medios de comunicación e certos columnistas; tamén persoaxes mediáticas ás que se lles presta atención desmedida, moitas veces dende medios públicos.
Pola súa banda, o goberno de PSOE e Sumar, que se dicía “o máis de esquerdas da historia”, segue instalado na indolencia mentres o fascismo gaña as rúas. Este goberno dá a noxenta sensación de non ter control sobre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou do Exercito, convertidos en matóns e torturadores con uniforme que fan o que lles peta mentres os ministros “responsables”, Robles e Marlaska, calan cobardemente e miran cara outro lado. Vémolo nas salvaxes cargas contra estudantes na Complutense de Madrid, nas torturas a migrantes por parte de militares do Exército en Ceuta e en moitas outras actuacións, como a agresión á profesora en Valencia. Non facer nada tamén é tomar partido e axudar ó fascismo.
AS PONTES: QUE A INSTITUCIÓN NON MIRE CARA OUTRO LADO
As institucións democráticas teñen responsabilidade no combate das expresións fascistas e os ataques contra a clase traballadora. Non abonda con lamentar os feitos a posteriori: cómpre actuar con todos os medios ao seu alcance para que non se repitan. Esa responsabilidade é aínda maior nun concello gobernado por un partido que di ser de esquerdas. Se non é agora, cando agreden a un sindicalista nas rúas da vila por defender unha folga, cando vai ser?
As condeas institucionais non abondan se non teñen consecuencias. Por iso urximos ás forzas políticas con representación no Concello das Pontes para que impulsen que o Concello se presente como acusación popular no procedemento contra o agresor do compañeiro sindicalista.
Esta agresión é un ataque contra os dereitos e liberdades de toda a veciñanza e toda a clase traballadora. Que o Concello se persoe na causa é a mellor maneira de demostrar que a institución está do lado de quen foi agredido, e envía unha mensaxe clara: en As Pontes, quen ataca á clase traballadora non vai atopar impunidade nin agocho.
Cada grupo municipal terá que retratarse, e ese voto dirá moito máis que calquera nota de repulsa: veremos claramente que está coa democracia ou quen está cos violentos.
ACCIÓN ANTIFASCISTA, XA!
En Ferrol se deron xa uns primeiros pasos, tímidos pero cara adiante, para conformar a Coordinadora de Acción Antifascista que levamos tempo propoñendo dende o PCG e outras organizacións. Agora cómpre consolidar, darlle forma estable e, canto antes, empezar a traballar.
Unha das tarefas fundamentais debe ser a elaboración dun rexistro exhaustivo das agresións e da actividade fascista na comarca, tanto nas rúas como nas redes, de cara a adoptar as accións pertinentes. Que ningunha ameaza, ningunha pintada e ningún golpe queden sen documentar e sen resposta.
Facemos un chamamento a todas as organizacións democráticas e antifascistas de Ferrolterra a integrarse na coordinadora e a sumar forzas neste traballo.
Os fascistas só retroceden cando atopan diante unha clase traballadora organizada, unida e decidida a actuar. Se hoxe agachamos a cabeza, mañá será moito máis difícil levantala. Agora é o momento de paralos. Despois será tarde.
Ferrolterra, a 16 de outubro de 2026
Comité Comarcal de Ferrolterra — Partido Comunista de Galicia




