A clase obreira leva anos sufrindo a carestía da vivenda. Os salarios non chegan para vivir e o rendismo absorbe cada vez máis parte do traballo social. Sobraban os motivos e, por fin, as organizacións sindicais responden ás demandas do movemento de vivenda e convocan unha folga xeral para o 11 de novembro de 2026.
Agora é a militancia comunista a que debe loitar por canalizar a convocatoria contra todos os responsables desta situación e construír conciencia e organización.
Certos sectores dos sindicatos, UGT e tamén CCOO, pretenderán reducir a xornada a unha protesta contra a oposición parlamentaria. O PSOE aproveitará para elevarse como solución ao sufrimento das familias. O Partido Comunista de Galicia asume o reto de orientar politicamente a folga contra o rendismo, o capital e a condescendencia da socialdemocracia, que só escoitou ao movemento pola vivenda cando identificou a oportunidade do rédito político. Durante estes oito anos, no Partido perdemos a oportunidade de construír o poder popular que actuase na conquista dos dereitos.
O estoupido mobilizador arredor da vivenda certifica a bancarrota da aposta gobernista. En apenas unha semana de mobilizacións avanzouse máis no cuestionamento dos privilexios dos rendistas que en seis anos de goberno de coalición. Non estamos só ante a insuficiencia das medidas adoptadas, senón ante o fracaso dunha política que subordinou a organización e a loita de masas á acción institucional, fiando a conquista de dereitos á xestión "de esquerda" do BOE. A mobilización volve poñer de manifesto que a capacidade de conquistar e defender dereitos depende, antes que nada, da forza organizada da propia clase traballadora. A verdadeira tarefa dos e das comunistas é a organización independente da forza dos e das traballadoras, en confrontación directa co capital.
O Partido Comunista de Galicia asume o chamado da Confederación do Sindicatos de Inquilinas, nos que levamos participando xa tempo. Debemos sinalar os efectos da mercantilización da vivenda. As necesidades dos e das traballadoras non son a prioridade do modo capitalista de produción, dirixido a multiplicar as ganancias de burgueses e rendistas. No que fai á folga, debemos poñer sobre a mesa as reivindicacións do movemento:
-
- Baixada dun 50% dos alugueiros, asegurando que os ingresos da clase obreira serven para vivir con dignidade.
-
- Expropiación dos fondos voitre e da vivenda baleira para poñer en mans da clase obreira.
-
- Recuperación de pisos turísticos e alugueiros temporais, atacando a especulación e a distribución inxusta das vivendas.
-
- Recuperación dos alugueiros indefinidos que aseguren estabilidade no desfrute da vivenda.
-
- Fin da compra especulativa por parte de inversores. As vivendas deben existir para vivir.
Durante os vindeiros días, a dirección do Partido Comunista de Galicia traballará na activación, orientación e coordinación do traballo da nosa militancia, co obxectivo de implicar a forza comunista da nosa organización no éxito da folga.




