COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | Nin un paso atrás: contra a violencia racista, contra o golpe civil, contra a covardía de non facer nada

29 de agosto de 2026

O que está a pasar en Ceuta ten nome e responsables. O que vemos é violencia fascista pura e dura. Persoas que fuxen da fame, das guerras e da persecución, viron como bandas fascistas organizadas lles queimaban os refuxios para non durmir á intemperie. Sinálase, acósase e deshumanízase a xente que non ten nada. Impedíuselle á Cruz Roxa o reparto de alimentos e houbo quen, dende a covarde comodidade dun plató, reclamou o uso da forza bruta, do Exército: Queren fusilar pobres, queren Gaza en Ceuta.

Queimar o refuxio de quen dorme na rúa non é defender unha fronteira: é un acto miserable. Impedir que se lle dea comida a quen ten fame non é patriotismo: é indixencia moral. Perseguir a nenos, nenas e mocidade migrante é fascismo.

Desde o PCG dicímolo sen medias tintas: isto non caeu do ceo. A culpa é dobre. Por unha banda, dos que axitan. Pola outra, dos que, tendo o goberno e o mando, non fan absolutamente nada.

O PP xa non se agocha

O Partido Popular sacou a careta e xa non hai dúbida ningunha: aliñouse coas posicións máis reaccionarias de Europa e desfila abertamente co fascismo. Os chamamentos á violencia, ao racismo, a xustificación e o branqueo das accións violentas destes días en Ceuta non deixan marxe para interpretacións benévolas: son progromos. O PP é unha banda desesperada por tocar poder, e están dispostos a usar calquera cousa como munición electoral, incluíndo a confrontación civil.

A covardía do PSOE

Dende sempre, un distintivo político do PSOE é a súa covardía á hora de encarar os problemas de fondo.

Covardía coa satrapía marroquí. Covardía traizoando ó pobo saharaui. Covardía coas persoas migrantes. Covardía cos fascistas. Covardía cos grupos violentos. Covardía co PP. Covardía con Vox. Covardía cos militares que, en horario de máxima audiencia, piden abertamente un golpe de estado. Covardía para fulminar ós policías que golpean salvaxemente a un mozo por levar unha bandeira ou que agreden a unha profesora por manifestarse. Covardía indecente mentres hordas fascistas agreden a xente indefensa.

Esta actitude do PSOE non é un detalle de estilo nin un efecto meteorolóxico: pon en risco a clase traballadora enteira, porque quen ten o mando e non o exerce está, na práctica, cedéndollo a outros.

Por iso preguntámoslle directamente ao PSOE: teñen o mando ou non o teñen? Se non o teñen, que o digan, porque entón a clase obreira deste país deberá tomar decisións e organizarse por si mesma. E se o teñen, que o exerzan.

Porque para golpear sindicalistas, nacionalistas ou a xente que non se pode defender, o PSOE sempre atopou man dura. Cos fascistas, en cambio, sempre é extraordinariamente brando.

Isto xa o vimos: estamos a repetir os anos trinta

Non estamos ante unha novidade histórica. Vemos como se repiten, paso por paso, os mesmos movementos que levaron Europa ao desastre nos anos trinta: a dereita abraza sen complexos o discurso fascista e a socialdemocracia cede, atempera, desculpa e trata de dar verniz de normalidade ao que non é normal: "No es tan grave, compañeros, sois unos exagerados." Si o é. É gravísimo. E cada día que se perde en xestos, en comunicados baleiros ou en mirar cara outro lado é un día gañado polos que si teñen un proxecto claro e non temen pasar a acción porque saben que os covardes que teñen en frente non van responder.

Ferrolterra: o PP de Ferrol fai de VOX 

Se alguén precisaba pistas sobre a onda do PP de Ferrol, que non busque máis. O alcalde Rey Varela deixou clara a súa posición: obediencia cega ás ordes do seu partido e disposición a utilizar e manipular a institución do Concello de Ferrol ao servizo desta intentona de golpe civil.

Isto non ocorre no baleiro. Súmase ao ambiente espeso na comarca nos últimos tempos: intimidacións a xente da esquerda, agresións aos espazos do movemento popular e intentos dende a xudicatura de calar militantes comprometidos da comarca. Todo iso constrúe un caldo de cultivo que abona aos fascistas.

Nunha comarca de tradición obreira e sindical como a nosa, que os fascistas volvan pasear pola rúa sen rubor é extremadamente grave. Eiquí non vale a resignación.

Ao PSOE de Ferrol facémoslle exactamente a mesma pregunta que ao PSOE “de Madrid”: que pensan facer? Se a resposta vai ser outro comunicado choromicando como cada vez que lles pintan a fachada do local, van mal. Teñen que darse conta dunha cousa o antes posible: isto vai ir a peor. E hai que reaccionar agora, non cando xa non quede marxe.

Outro aviso: quen non queira poñerse do lado correcto, que se quite do medio.

As causas, que non se agochen

As fronteiras que algúns queren pechar non son, curiosamente, as dos recursos. Queren pechar as fronteiras ás persoas pobres, pero non ás riquezas que saen dos seus países: pesca, petróleo, ouro, minerais e terras raras... Os capitalistas queren os seus recursos, pero non os seus habitantes. Iso ten un nome: hipocrisía colonial e profundamente racista.

Mentres o capitalismo xere desigualdade e miseria, haberá migración. Mentres sosteñan ditaduras e réximes sometidos ós intereses do capitalismo imperialista, para saquear as riquezas doutros países, haberá migración. Mentres se fabriquen guerras, haberá migración.

Ninguén pode levantar un muro abondo alto para impedir que unha persoa fuxa da fame ou das bombas.

As convocatorias do 2 de setembro son un golpe civil

As cousas polo seu nome. As convocatorias de concentracións o 2 de setembro diante dos concellos gobernados pola dereita non son unha mobilización cidadá democrática: son un golpe de estado encuberto, un golpe de estado civil, organizado dende unha institución pública —a Federación Española de Municipios e Provincias— manipulada por PP e por Vox.

Ningún demócrata debe secundar unha convocatoria fascista. Non se pode lexitimar este golpe civil. Non podemos permitir mobilizacións fascistas nas nosas rúas. Diante dunha xogada así non se responde con silencio administrativo: respóndese na rúa e organizadamente.

Cómpre pasar á acción

A resposta axeitada a esta convocatoria non é darlle á reacción o escenario que busca. É necesario deixala baleira, sinalar a quen a convoca e sinalar a quen a branquea. Por iso chamamos á clase traballadora e ao conxunto do pobo da comarca a:

1. Non participar. Nin un só traballador nese aquelarre racista. Quen acode suma corpo e número a un golpe de estado civil e ponse do lado de quen defende a violencia contra os pobres.

2. Non darlles a confrontación que buscan. Non acudir, non achegarse. Buscan a imaxe do enfrontamento para vendela ao día seguinte. Neguémoslla. Que a fotografía sexa a de catro fascistas nunha praza baleira, retratados como a minoría absoluta que son.

3. Sinalar a quen convoca. Quen organiza, quen chama e quen ampara desde as institucións, xa tomou partido. Chamémoslles polo seu nome: fascistas, esta é unha convocatoria fascista. Non hai equidistancia posible nin lectura benévola. 

4. Sinalar aos medios mercenarios. Non hai pogromo sen altofalante. Os medios que constrúen o relato racista, normalizan as agresións e dan cobertura propagandística a esta intentona. Así, moi sinaladamente, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e outros medios dixitais, son parte activa con titulares manipuladores.

5. Boicot económico aos medios cómplices. A clase obreira non debe financiar a quen traballa contra ela. Nin un céntimo dos nosos cartos para os medios que colaboran co fascismo! Nin compra, nin subscrición, nin clic. Boicot tamén aos seus anunciantes. Chamamos a non consumir nos negocios e empresas que se anuncian nos xornais que branquean este golpe. Quen financie o altofalante do fascismo que saiba o que lle vai custar.

6. Facer traballo de propaganda un a un. Isto gáñase falando, convencendo. Cos amigos, coa familia, no tallo, no bar, na asociación de veciños, no súper, na porta do colexio. Explicar que é este golpe e chamar a non participar nel. Cada conversa é unha persoa menos nesa praza.

Chamamos ao conxunto do movemento obreiro, político e popular da comarca a organizarse arredor destas medidas, a non ceder as rúas nin o relato, a responder de xeito unido, disciplinado e intelixente. A cidadanía democrática debe parar de xeito efectivo este golpe fascista.

NO PASARAN!

Ferrolterra 29 de agosto de 2026

Categorías:

Comparte: