Con motivo da celebración do centenario do natalicio do líder histórico da Revolución Cubana, organizouse unha homenaxe en Galicia para o vindeiro xoves 13 de agosto, en Láncara (Lugo). Nesta localidade lucense atópase a Casa Museo Ángel Castro, que actualmente alberga o Centro de Interpretación da Emigración Galega. Esta casa, hoxe convertida en museo, da que emigrou a Cuba Ángel Castro, pai de Fidel, Raúl e varios irmáns máis, será a sede da homenaxe.
Está previsto que o acto político-cultural comece ás 12:00 h do xoves 13 de agosto, coa participación de numerosas asociacións de amizade con Cuba, intervencións de forzas políticas, representantes institucionais e actuacións musicais.
O peche do acto contará coa presenza e participación do embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina, quen fará entrega da «Medalla da Amizade» e descubrirá un busto do heroe nacional de Cuba, José Martí.
Desde o Partido Comunista de España contarase coa presenza de membros da súa dirección política e en representación do Partido Comunista de Galicia participará a súa secretaria da Área Externa, Lucía Gutiérrez.
Durabte o acto leranse mensaxes de Cuba: Raúl Castro, Miguel Díaz-Canel, Arelys Santana Bello, Aleida Guevara March, René González Sehwerert, Fidel Antonio Castro Smirnov, Abel Prieto, Marlene Vázquez Pérez, René González Barrios, Enrique Ubieta Gómez, Rosa Miriam Elizalde, Elier Ramírez Cañedo e Michel Torres Corona.
De América e do Sur Global: Vijay Prashad, Atilio Boron, Isy de la Luz Rivas, Xu Shicheng e Movemento Socialista de Ghana.
E de España e Europa: Ignacio Ramonet, Víctor Ríos, Enrique Santiago, José Luis Centella, Manu Pineda, Eva García Sempere, Manolo García e José Sarrión.
ACTOS IMPULSADOS DENDE CUBA
En decembro de 2025, por iniciativa de Miguel Díaz-Canel, presidente da República de Cuba, a Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba aprobou por unanimidade declarar o ano 2026 como o «Ano do Centenario do Comandante en Xefe Fidel Castro Ruz», para conmemorar os cen anos do nacemento, o 13 de agosto de 1926, do líder histórico da Revolución Cubana. Pero o inicio das celebracións polo centenario do natalicio xa arrancara uns meses antes, o 13 de agosto de 2025, e estaba programado e previsto que culminase o 25 de novembro de 2026, coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento.
Desde hai xa un ano, polo tanto, fóronse sucedendo multitude de actos, simposios, eventos e publicacións dedicadas á vixencia do pensamento e do legado político do líder da Revolución Cubana, cuxas ideas ofrecen análise e orientación estratéxica a quen loita contra o imperialismo e constrúe alternativas de transformación social.
No marco desta efeméride iniciou anteonte, 10 de agosto, na Habana, e culminará o 13 de agosto, o I Coloquio Internacional que leva por título «Fidel: legado e futuro», coa participación de máis de mil delegados de 63 países, para reafirmar que Fidel Vive na solidariedade dos pobos con Cuba e na loita contra o imperialismo.
A conferencia inaugural correu a cargo de Miguel Díaz-Canel, presidente da República de Cuba e primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba, quen afirmou «que o pensamento de Fidel segue a ser o compás máis preciso para afrontar os retos actuais... o seu pensamento político mobiliza miles de revolucionarios no mundo».




