A sede de Cruz Vermella en Ferrol amenceu este martes con pintadas xenófobas. Non é a primeira vez: en abril apareceron na mesma fachada lemas de Núcleo Nacional.
Temos que medir ben a calaña de quen, nun delirio de rencor obsesivo, é capaz de por no seu punto de mira a unha entidade que atende a persoas en soidade, a migrantes, a enfermos e a quen máis o precisa.
Cando o odio ataca a quen coida, ninguén está a salvo.
Como xa fixemos outras veces, este Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia non vai sumarse ao coro de condenas baleiras que se repiten despois de cada ataque fascista e que non teñen ningunha consecuencia práctica. Non é tarefa dunha organización de esquerda competir pola condena máis enérxica, senón explicar por que pasan estas cousas, sinalar aos responsables e axudar a organizarse.
HAI AUTORES E HAI AUTORÍAS
Isto non é vandalismo nin un feito illado. Enmárcase nunha estratexia de desestabilización, un golpe civil para forzar unhas eleccións.
Os ataques en Ceuta contra unha deputada e unha ONG, as agresións en Oviedo, as bandas de extrema dereita patrullando en barrios de Valencia ou os diversos ataques en Ferrol, forman parte do mesmo guión. Os fascistas actúan porque están seguros da súa impunidade, e esa impunidade constrúese día a día: teñen un entorno que lles da cobertura.
Quen colleu o esprai pode que nunca sexa identificado, pero os autores intelectuais, todos sabemos quen son: non andan en desertos remotos nin en montañas moi lonxanas.
A autoría intelectual destes ataques son o Partido Popular e Vox, coa súa salvaxe campaña de confrontación social que levan meses azuzando e que arreciaron hai máis dun mes co cruce fronteirizo masivo en Ceuta.
Cando dende institucións e cargos públicos se promoven manifestacións racistas, cando dende medios se sinala ás ONGs como cómplices dunha suposta "invasión", é cuestión de tempo que algún mostrenco pase das palabras aos feitos.
E os silencios ante cada agresión non son descoidos, son unha atronadora confesión de complicidade.
A CARA DURA DE REY VARELA
O alcalde José Manuel Rey Varela súmase agora ás mensaxes de repulsa, lamenta a "polarización" e fai chamamentos á "convivencia". Este é o mesmo alcalde que non hai nin quince días convocou unha manifestación partidista manipulando a institución municipal. Hai que ter a cara moi dura para falar de convivencia dende a organización que máis está a facer por crebala. Rey Varela non é bombeiro deste incendio, é dos que botan a gasolina.
OS OUTROS RESPONSABLES
A responsabilidade non remata na dereita. O goberno do PSOE e Sumar, que se presentou como o máis progresista da historia, segue instalado nunha irresponsable indolencia mentres o fascismo avanza.
En Ceuta, a actitude policial de pasividade, rozando a complicidade, ante a horda que atacou a unha deputada e a unha ONG, contrasta moito coas sádicas ansias dos policías de Marlaska cando cargan e mallan contra os antifascistas. Esa dobre vara de medir é unha mensaxe clara que a extrema dereita entende perfectamente: carta branca para actuar con impunidade.
O goberno do PSOE ten que escoller de que lado está. E se quere estar do lado da convivencia, ten que poñer todos os mecanismos do Estado ao servizo da súa defensa e contra quen está decidido a crebala por calquera medio para chegar ao poder. Non facer nada tamén é tomar partido, e non polo lado correcto da historia, precisamente.
UNIDADE ANTIFASCISTA: UN SAÚDO Á ACCIÓN
Dende o Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia saudamos os primeiros pasos que se deron hai unha semana en Ferrol para construír un bloque antifascista. Son pasos pequenos pero necesarios, e hai que consolidalos. Este pode operar en varios planos:
-
Primeiro, sacar das rúas a presenza fascista. As súas pintadas, a súa propaganda e a súa ocupación do espazo público non poden ter cabida nos nosos barrios.
-
Segundo, presión organizada a medios, partidos e todos aqueles que canalizan e alentan o odio fascista.
-
Terceiro, repercusións para os que están a espallar o odio e a rachar a convivencia. Quen trafica co odio ten que pagar un prezo.
AGORA, NON DESPOIS
Nesta comarca e de todo o estado, a clase traballadora debemos perde-lo medo e dar un paso adiante. Se hoxe temos medo de reaccionar ante estas bandas de fascistas, cando estean no poder será moitísimo máis difícil.
Dende o Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia, facemos un chamamento ás forzas e militantes da esquerda a abandonar a pasividade e construir unidade de acción antifascista e organizar a autodefensa da nosa xente e dos nosos espazos.
Chamamos a traballar e reforzar o bloque comarcal de Acción Antifascista e facer fronte de xeito activo, efectivo e contundente contra o fascismo.
Aprendamos dos erros pasados: Agora é o momento de paralos. Despois será tarde.
Ferrol, o Comité Comarcal
2026-09-22




