COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O Partido Comunista de Galicia apoia a folga da limpeza na provincia da Coruña

24 de abril de 2021

O pasado xoves 22 de Abril, o sector da limpeza de edificios e locais convocou unha folga e varias accións de protesta na Coruña, así como nas cidades de Ferrol e Santiago de Compostela. Tras un ano de pandemia no que as traballadoras e traballadores deste sector arriscaron as súas vidas nun marco de invisibilidade e de falta de recoñecemento laboral, a patronal respondeulles cun convenio inxusto e un incremento salarial indecente pese ao aumento da súa facturación polas desinfeccións anti-CoVid.

O sector da limpeza está altamente feminizado: das máis de 9.500 persoas que o compoñen, o 90% son mulleres. Porén, a fenda salarial segue vixente aquí tamén. Soamente un 10% das mulleres deste sector teñen contratos a xornada completa, fronte ao 97% dos homes. A isto engádeselle un salario moi precario de 8.500€ de media nas mulleres, fronte aos 14.000€ para os homes (a xornada completa) e a conxelación salarial, cun 0% de incremento en 2020 e un vergoñento 0'8% para 2021, esixindo agora os sindicatos respectivamente, a suba dun 1'5% e un 2%. A maiores, a patronal pretende eliminar o dereito das traballadoras a ampliar a súa xornada, e tamén á xubilación parcial anticipada.

Ante a dificultade de seren escoitadas pola patronal, convocaron finalmente unha folga para o pasado 22 de Abril e outra para os próximos 11 e 12 de Maio, para pedir un convenio xusto para o sector, un incremento salarial digno e a valoración do seu duro traballo. A xornada do 22A estivo marcada por diversas accións reivindicativas, cunha caravana de coches ás 7:00 da mañá para dificultar o acceso ao polígono de Tambre, unha marcha a pé entre as 9:00 e as 13:00 horas dende a Praza Luís Seoane ata María Pita (con paradas expresas no Corte Inglés, Praza de Lugo e Obelisco), e unha manifestación ás 18:00 horas fronte ao Marineda City. A esixencia de servizos mínimos imposta pola Xunta foi abusiva, de entre o 70 e o 100% (este último para boa parte dos edificios oficiais), pese ao cal as mobilizacións tiveron certa participación, á que se engadiu a activa colaboración solidaria de moita xente doutros sectores maltratados como o do aluminio de Alu-Ibérica, e dos tres sindicatos maioritarios (CCOO, UGT, CiG), entre outras plataformas.

Consideramos que as condicións deste colectivo, tan esencial nestes tempos de pandemia, caracterízanse a precariedade e a indignidade, con salarios miserentos e un convenio colectivo leonino. O Partido Comunista de Galicia apoia as súas mobilizacións e as convocatorias de folga.

 

Categorías: A Coruña Movemento Obreiro

Comparte: