COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O Pazo de Meirás. O espolio do patrimonio nacional ao pobo durante o franquismo

9 de xullo de 2020

Estes días está a comezar o esperado xuízo pola recuperación do Pazo de Meirás das mans dos herdeiros de Franco, para que volte a mans públicas. A demanda foi presentada polo Avogado do Estado, en representación da Administración Xeral do Estado, pedindo a acción de nulidade dos supostos documentos de compra-venta e doazón deste edificio histórico conforme ao artigo 55.1 da Ley del Patrimonio Nacional. Segundo esta, “Las Administraciones públicas podrán recuperar por sí mismas la posesión indebidamente perdida sobre bienes y derechos de su patrimonio”. Neste caso, a posesión de facto pola familia Franco Martínez-Bordiu durante case 80 anos non é relevante para a Lei, por considerarse que é unha posesión de “mala fe” e documentalmente ilegal.

As “Torres de Meirás” son un edificio histórico que data do s.XIV, parte do Patrimonio Nacional español e galego, onde residiu a familia de Pardo Bazán e moi especialmente a escritora do realismo do s.XIX Emilia Pardo Bazán. A autora empregaba o lugar para inspirarse e crear a súa obra. Pola súa antigüidade, a súa arte e arquitectura, e por ser residencia desta escritora primeiro e lugar de xestión pública polo réxime franquista despois (e por tanto Lugar de Memoria Histórica), foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2008. Pero ademais de ser Patrimonio do pobo, a titularidade do Pazo de Meirás leva décadas en desputa, pois mentres os herdeiros do ditador aseguran ser lexítimos propietarios deste lugar histórico, a documentación xurídica legal afirma que o seu verdadeiro propietario é a Administración Pública.

A historia deste baile de titularidades remóntase, por suposto, ao Golpe de Estado franquista do 18 de Xullo de 1936. Galicia foi un dos primeiros territorios en caer baixo as garras do fascismo, e xa o mesmo día 20 comezou a brutal represión. Os sublevados buscaron lexitimarse pola violencia (en oposición ao debate democrático, que rexeitaban) e o exercicio do terror. A isto se lle unía a personalización propia do fascismo nun líder mitificado, Francisco Franco, dotado pola propaganda dunha “identidade destino” e dunha empresa histórica baseada na recristianización do país (“Cruzada”), no tradicionalismo fronte ao progreso, o hipernacionalismo español e a defensa do privado fronte ao público (“xestión” fronte a “debate”), e da práctica fronte á teoría.

Neste contexto, a principios de 1938, as elites burguesas da Coruña, co obxectivo de diluír o importante pasado coruñés republicano, e de congraciarse co novo réxime fascista, teñen a idea de agasallar a Franco cun edificio histórico do lugar. As Torres de Meirás eran perfectas para isto: estaban preto da Coruña (en Sada), cun estilo medieval acorde ao novo tradicionalismo do Caudillo, e poderían afianzar a posición dos sublevados na cidade e deles mesmos respecto ao Xefe do Estado. Querían, en definitiva e traducindo, ter a Franco cerca, e “facerlle a pelota”. Así, formouse a chamada “Junta Provincial Pro Pazo del Caudillo”, formada por estas elites (entre elas, o Presidente da Deputación da Coruña, o concelleiro e logo alcalde coruñés e impulsor principal da iniciativa Fernando Álvarez de Sotomayor, o director do Banco Pastor Pedro Barrié de la Maza, directores de entidades e de famosísimos periódicos galegos…). O seu obxectivo era adquirir para Coruña o Pazo de Meirás (en propiedade da herdeira de Emilia Pardo Bazán, a súa nora Manuela Esteban-Collantes y Sandoval) para logo doalo en nome da provincia e a cidade herculina a Francisco Franco.

Pero entón entráronlles as présas: chegoulles a noticia de que outras capitais querían tamén facerlle doazóns a Franco, e acto seguido pediron un crédito de 500.000 pesetas ao Banco Pastor (dirixido polo xa mencionado Barrié de la Maza) para mercarlle á herdeira dos Pardo Bazán as Torres de Meirás por 406.000 pesetas, nun documento oficial asinado en San Sebastián o 5 de Agosto de 1938 con el fin de que sea donada o regalada al Generalísimo y Jefe del Estado Nacional, el Excelentísimo Sr. Don Francisco Franco y Bahamonde”. Esta parte do proceso é fundamental, pois o edificio pasaba a ser, oficialmente, propiedade desta “Junta”, ou sexa, da Administración Pública.

Aquí comeza a extorsión ao pobo e a coerción a concellos, tanto para pagarlle o crédito ao Banco Pastor como para financiar as reformas posteriores e adquisición de fincas dos arredores. Os documentos investigados polos historiadores Grandío, Pérez Lorenzo e tantos outros, acreditan as presións a concellos como Oleiros, Carballo ou Culleredo para que recadasen máis cartos dos seus cidadáns; entregáronselles recibos aos veciños que aportaban, e fixéronse escuras listas cos nomes dos veciños que doaban cartos e as cantidades que aportaban. Por se fora pouco, cando non se podía recadar suficiente, reducíanselle directamente as nóminas aos funcionarios, ou presionábase a empresarios da hostalería ou da construción. E tanto as testemuñas orais como informes  reafirman sen lugar a dúbida que moitos dos doantes foron forzados mediante o medo e as ameazas, nun contexto no que o horror da guerra e posguerra facía imposible resistirse ás demandas do poder. Sirve como exemplo o informe dun Teniente Coronel á Falange onde di que “ha resultado que han contribuído al regalo, no los buenos españoles que le quieren, sino todos, buenos y malos, saliendo como es natural de estos últimos los disparates mayores y las censuras para quien lo merece todo”. Nuns poucos anos recadáronse 1.200.000 pesetas para pagar o crédito e as reformas.

En decembro de 1938 faise rapidamente o acto oficial de doazón no Pazo de Meirás, cos membros da devandita “Junta” e Francisco Franco. Porén, desta doazón fíxose simplemente un pergamiño do que nunca se fixo escritura pública oficial, e que por riba desapareceu en 2007. Ademais, coa idea de darlle oficialidade, o 24 de Maio de 1941 fabricouse outro documento de compra-venta do Pazo entre Manuela Esteban-Collantes e Francisco Franco (representado por Barrié de la Maza) por 85.000 pesetas, un intercambio que nunca ocorreu (pois Manuela Esteban-Collantes xa non era propietaria do edificio dende había tres anos), un contrato simulado e falso e, por tanto, nuloE isto anularía, efectivamente, os documentos de herdanza das Torres de Meirás en 1979 para Carmen Polo e os seus descendentes, pois non se pode herdar de maneira privada unha propiedade que nunca deixou de ser pública.

Por outra banda, si houbo unha ocupación efectiva polo aparato estatal e por Francisco Franco durante a ditadura: no Pazo de Meirás, ademais de vivir a familia Franco durante os veráns, facíanse todo tipo de actos oficiais: Consellos de Ministros, recepcións das elites políticas e económicas nacionais e internacionais, ceas de gala… e actos en xeral de xestión do Goberno. Isto convertía o lugar nun edificio público de facto, reservado para a actuación executiva do Xefe de Estado do país. Ademais, unha das partes vergoñentas deste período é o traslado de patrimonio galego ao pazo polos caprichos de Carmen Polo, como a Torre de Dodro ou as estatuas do Pórtico da Gloria, produto tamén de doazóns “voluntarias” polos concellos, que tamén son obxecto de demandas de recuperación polo público na actualidade.

Por se fora pouco, nestes momentos o Pazo atópase en venda na inmobiliaria Mikeli por 8 millóns de euros, o cal únese á posta en venta tamén, xusto esta mesma semana, da Casa Cornide da Cidade Vella da Coruña a través dunha inmobiliaria viguesa. Evidentemente, de realizarse, estas vendas tamén serían  totalmente nulas, pois loxicamente co Patrimonio Nacional e coa propiedade pública non se pode comerciar de xeito privado, e ninguen pode vender algo que legalmente non lle pertence.

Concluíndo, Francisco Franco nunca mercou as Torres de Meirás á herdeira de Emilia Pardo Bazán, e dende logo nunca puxo un carto na súa adquisición nin nas súas sucesivas reformas e ampliacións. Tampouco é oficial nin legal a suposta doazón deste a el pola Administración. Por tanto, a suposta propiedade actual do Pazo de Meirás pola familia Franco Martínez-Bordiu é nula, a titularidade real é pública, e Patrimonio Nacional está en total dereito segundo o artigo 55.1 da Ley de Patrimonio Nacional de reclamar a súa devolución para o pobo galego. Porque o roubado ao pobo debe ser devolto ao pobo, e os crimes do franquismo deben dunha vez ser xulgados e non quedar impunes.

A polémica transmisión da propiedade de Meirás dende a herdeira de Emilia Pardo Bazán ata Francisco Franco lígase á represión franquista e á total impunidade do réxime, que non dubida en falsificar contratos ou usar a extorsión ao pobo para financiar compras, reformas e ampliacións. A inexistencia de verdadeira reconciliación e de axuizamento ao réxime durante a Transición, na que se optou pola “des-memoria”, fixo que todos os crimes do franquismo quedaran impunes. Ata o s. XXI coa Ley de Memoria Histórica sequera houbo apenas recoñecemento ás vítimas, quedando tantas delas relegadas ao esquecemento. Pola contra, a Transición (chamada de xeito irónico por algúns historiadores “Transacción”) trouxo consigo a permanencia de moitas estruturas franquistas de poder: a depuración dos restos da ditadura foi mínima, as mesmas sagas familiares que se enriqueceron no fascismo dirixen a economía actual, a corrupción política, económica e ata xudicial é estrutural no aparato do Estado… e por riba non se pode falar de levar a xuízo os represores e dignificar ás vítimas sen ser acusados de “revanchistas”, tapando a total vergoña de que os crimes nunca foron nin serán pagados polos criminais, como si ocorreu noutros procesos de transición doutros países (Chile, Arxentina, Alemaña…). Especialmente doloroso foi, por exemplo, que un torturador como Billy El Niño morrera en 2020 sen ser xulgado, conservando as súas medallas, cuspindo sobre a memoria aterrada das súas vítimas. E como el, tantos outros quedaron impunes durante décadas, vivindo tranquilos ao saber da súa inmunidade neste réxime da Constitución do 1978.

Todas aquelas familias do réxime franquista cambiaron a chaqueta, deitáronse fascistas e ergueron demócratas, pero seguen controlando o poder e mantendo os seus privilexios, coas súas propiedades roubadas ao pobo, coas sanguinarios vulneracións aos Dereitos Humanos sen xulgar, e coa seguridade de estar por riba da Xustiza por seren os que gañaron a guerra.

A Memoria Histórica efectiva e o xuízo, dunha vez por todas, aos crimes do franquismo, é unha materia pendente neste Estado supostamente democrático, e sen o cal nunca quedarán pechadas as feridas. En concreto, fai falta profundar na memoria histórica e democrática e, xunto coa redignificación das vítimas, pugnar tamén pola devolución de todo este patrimonio roubado. O retorno por vía xudicial do Pazo de Meirás ás lexítimas mans do pobo pode ser o primeiro paso deste proceso; un primeiro paso cara a xustiza e o avance real a unha democracia limpa, que se libre dunha vez dos quistes do fascismo, para construír un futuro de reconciliación real, e de xustiza.

Categorías:

Comparte: