A FEDERACIÓN DE SERVIZOS Á CIDADANÍA DE CCOO (FSC-CCOO) CONVOCA UNHA FOLGA INDEFINIDA A PARTIRES DO 23 DE DECEMBRO EN TODO EL ESTADO, SALVO NA PROVINCIA DE VALENCIA MENTRES NON SE RECUPERE A NORMALIDADE TRAS A DANA.
As mobilizacións convocadas polo sector do transporte de viaxeiros reclamando a aplicación de coeficientes redutores para a xubilación enmárcanse na loita por unhas condicións de vida dignas e da seguridade laboral.
Nun contexto no que a ofensiva do capital vai na liña de atacar as pensións públicas e adiar a idade de xubilación, a loita por adiantar a idade de xubilación nalgúns sectores, coma o de transporte de viaxeiros vai na liña correcta de facer resistencia a estes movementos e ademais pode servir de exemplo a máis sectores.
A suposta "inviabilidade" das pensións públicas a causa do efecto demográfico do "baby boom" que nos queren vender dende o capital e dende os seus gobernos títeres, non é máis que un engano para vender plans de pensións privados. Son os seus beneficios e non as pensións o que ven perigar se a clase traballadora toma conciencia e se mobiliza.
O certo é que se nalgún momento chegaran a ser insuficientes as cotizacións á seguridade social para garantir as pensións, estas poderían seguir pagándose sen ningún problema xa que nada obriga a que as pensións sexan exclusivamente financiadas coas rendas do traballo. Os ingresos necesarios poderían acadarse simplemente aumentando os impostos ao capital.
Por outra banda hai que lembrar que o desenvolvemento actual dos medios de produción fan innecesarias tanto a actual duración das horas de traballo coma a xubilación tardía. Proba delo é precisamente que somos quen de producir máis do que necesitamos mantendo permanentemente un desemprego estrutural. Un desemprego estrutural que, lembremos, sirve ao capital coma ameaza ante as reivindicacións da clase obreira.
Por outra parte, a ninguén se lle escapa que a certas idades os traballadores e traballadoras xa non temos os mesmos reflexos nin a mesma capacidade de atención, polo que dende o punto de vista da seguridade laboral a a reivindicación de adiantar a idade de xubilación no sector do trasporte de viaxeiros é totalmente lóxica. Seguridade laboral que neste caso afecta, ademais, ás persoas usuarias do servizo.
Por todas estas cuestións, dende o PCG apoiamos sen fisuras as reivindicacións do sector do transporte de viaxeiros e chamamos ao resto da clase traballadora a apoiar tamén unha reivindicacións que non son soamente dun sector, senón de toda a nosa clase.