COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG denuncia a represión sindical en Aluibérica

21 de febreiro de 2021

O Comité comarcal do Partido Comunista de Galicia na Coruña denuncia a represión sindical en Aluibérica. Durante as últimas semanas, a dirección da empresa anunciaba nos medios o despedimento disciplinario de varios traballadores. Alegando “agresións”, despiden a tres membros do Comité de empresa e a un delegado sindical.

O Partido Comunista de Galicia xa amosara a súa desconfianza tras a venda da empresa ao Grupo Riesgo. A empresa, rexeitada no concurso de venda de Alcoa en 2019, xerou desconfianza sobre as súas intencións e os seus métodos. As sospeitas sobre o actuar mafioso e o escaso interese en manter a actividade industrial na comarca confírmanse de novo.

A manobra da dirección do Grupo Riesgo é clara: descabezar a oposición sindical á súa actividade. A oposición do cadro de persoal, co Comité de empresa á cabeza, fundaméntase na intención activa da empresa de conxelar a actividade na planta. Non parece que os intereses do Grupo Riesgo pasen por reactivar esta industria esencial para o tecido produtivo coruñés, senón por desmantelar a fábrica para obter beneficio económico.

O anuncio dos despedimentos producíase antes nos medios que a través de comunicación aos traballadores afectados. A dirección non ten outro interese que desartellar o apoio da cidade ao cadro de persoal de Alu Ibérica. Consciente da importancia da planta para Coruña, a cidadanía leva anos apoiando a loita dos e das traballadoras, e isto convértese nun escollo para as intencións do Grupo Riesgo.

O Partido Comunista reitera a necesidade de impor unha política pública de fortalecemento industrial, dirixida a asegurar emprego de calidade e subministro directo ás necesidades do país e do estado. Como xa sinalamos hai meses, a única solución viable é a intervención pública estable e duradeira. É responsabilidade dos gobernos autonómico e estatal promover a industria nacional e estatal. Resulta fundamental reverter as políticas de desindustrialización impulsadas polos gobernos do PSOE e o PP, subordinadas á política da Unión Europea. Só así poderemos avanzar cara un futuro de soberanía e calidade laboral.

O Partido Comunista de Galicia apoia as accións do cadro de persoal de Aluibérica, e recoñece o traballo do Comité de empresa, na defensa da industria e os postos de traballo. Esixe así mesmo a intervención da Xunta e o goberno central e reivindica a necesidade de someter a economía aos intereses dos e das traballadoras.

Por todo isto, apoiamos as mobilizacións convocadas para o 26 de febreiro por parte das tres principais centrais sindicais do país.

Categorías:

Comparte: