COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Pasamento do camarada Serafín Mourelle Bugallo

31 de marzo de 2020

Na madrugada do 31 de marzo de 2020, en circunstancias excepcionais, deixounos un home excepcional. Serafín Mourelle Bugallo (Corme, 1933 – Coruña, 2020) iniciou a súa última singradura despois de anos de loita e traballo no mar. O mar e a militancia comunista foron constantes na súa vida, e non os abandonou ata que as forzas deixaron de permitirllo.

Home de mar, o “patrón do millón”, Serafín foi mariñeiro durante preto de cinco décadas, nas que destacou como patrón e descubridor de grandes caladoiros, como o de Porcupine, no Gran Sol. Como diría Xurxo Souto, era un “patrón comunista”, que sempre se puxo do lado dos mariñeiros, procurando a consecución dun salario digno para os traballadores do mar.

Serafín loitou pola dignidade e o pan da clase obreira dende o mar e dende a terra. A súa militancia comunista remóntase á clandestinidade antifranquista, e estendeuse até as últimas etapas da súa vida. Calquera militante do Partido que recalase na Coruña remataba por encontrar en Serafín a figura do veterano abnegado. No traballo de construción de partido, na discusión política, na lectura da situación presente e do pasado, Serafín alumeou as tarefas do Partido dende a comprensión da “transacción”, como sempre gustaba chamar á Transición, até os esforzos de unidade popular dos últimos anos, pasando polas loitas sindicais dende as Comisións Mariñeiras.

Serafín deixa un regueiro de memoria en milleiros de persoas que ao longo da súa vida compartiron con el a loita obreira, xa sexa camaradas do Partido nas diferentes décadas de actividade militante, xa sexa nos múltiples espazos nos que, con orgullo, levou a bandeira do Partido.

Seguindo unha máxima que en máis dunha ocasión el lembraría, na pesca e na vida, “vale máis un ollomol que cen panchos”. Verdadeiramente el foi tal. Un home excepcional que fixo, dende o Partido Comunista de Galicia, como se fose cen militantes. O militancia do Partido, do seu Partido, empregaremos o seu exemplo para continuar na loita até que os últimos raios de sol marchen polo horizonte, como el fixo.

Camarada Serafín, patrón comunista, a túa man xa está aferrada eternamente á ponte do noso Partido.

Categorías:

Comparte: