COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra - O Comité Comarcal contra o traslado do Arquivo Documental Militar

13 de novembro de 2024

O PARTIDO COMUNISTA DE GALICIA, EN CONTRA DO TRASLADO DO FONDO DOCUMENTAL DO ARQUIVO INTERMEDIO MILITAR DE FERROL A MADRID

En Ferrol, a 11-11-2024

O Partido Comunista de Galicia e o seu Comité Comarcal, veñen de coñecer a nefasta ocorrencia do Ministerio de Defensa que pretende trasladar o fondo documental do Arquivo Intermedio Militar do seu actual emprazamento en Ferrol a outro en Madrid.

Unha vez máis, semella que a comarca de Ferrol vai ser espoliada do seu patrimonio, en concreto dun dos máis significativos e relevantes, ao tratarse dun fondo documental indispensable para coñecer e recuperar a nosa Memoria Histórica, que conta unha importante parte da historia de Ferrol e a comarca.

O PCG quere facer público seu rexeitamento máis firme e enérxico contra esta medida que só pode entenderse dende un punto de vista obtuso e centralista. No século da dixitalización, a conectividade e da realidade virtual, esgrimir que o traslado físico do arquivo é indispensable para facilitar a súa consulta, non pasa de ser unha burda escusa.

Pola contra, esiximos que o Arquivo fique físicamente na nosa comarca, pero tamén que sexa convenientemente dixitalizado e documentado, de xeito que sexa posible e sinxela tanto a súa consulta como a difusión da información que contén. É necesaria a súa total apertura a todo canto estudoso e público que desexe consultalo. Os fondos documentais do Estado deben estar a disposición do seus máis lexítimos propietarios: o pobo.

Unimos o noso rexeitamento a esta pretensión de traslado ás demandas que nestes últimos días veñen de expresarse na comarca, en especial dende persoas e entidades relacionadas coa historia e a recuperación da Memoria Histórica.

Convidamos ao pobo da comarca de Ferrol a unirse e converter nun clamor a demanda para que o arquivo fique na nosa comarca, así como apoiar e unirse ás accións que emprendan as organizacións que rexeitamos a pretensión do Ministerio.

Do mesmo xeito anunciamos que imos impulsar e apoiar mocións ao respecto en distintos concellos da comarca para que estes se pronuncien publicamente.

O Comité Comarcal do PCG

Pola recuperación da Memoria Histórica!
Non ó traslado do Arquivo Militar!

Categorías:

Comparte: