COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ponteareas: o PCG pola remunicipalización do Servicio de Axuda no Fogar (SAF)

5 de marzo de 2025

O pasado 25 de febreiro, tivo lugar no pleno de Ponteareas unha xornada máis de loita das traballadoras do Servicio de Axuda no Fogar (SAF) que volve a por de manifesto a necesidade da municipalización deste servizo.

Dende os seus inicios no 2010, a prestación deste servizo foi privatizado. Con todas e cada unha das empresas adxudicatarias as traballadoras do SAF viron como os seus dereitos laborais eran constantemente violados, chegando á situación límite que desencadeou na declaración de folga indefinida en novembro do 2022. A folga durou 28 días onde a través da loita conseguirían un acordo de mínimos. Porén, este acordo sería igualmente incumprido.

Contan cun convenio colectivo que as levan a unha constante situación de precaridade; na práctica están obrigadas a dispor de coche e poñelo ao servizo da empresa e ata o ano pasado nin sequera contaban cunha norma de valoración de prevención de riscos laborais de cada posto de traballo individualizado (norma aprobada pero que na práctica segue sen aplicarse). Mentras, as empresas seguen maximizando os seus beneficios, garantizados nos pregos dos contratos.

Estas traballadoras prestan un servizo tan esencial para a sociedade como invisibilizado polo patriarcado e o capital. A aposta pola municipalización do SAF é a única solución para garantir e mellorar os dereitos laborais das traballadoras, apartando os intereses empresariais dun servizo público prioritario.

Sabemos, porque así o deixan claro as traballadoras, que seguirán coas súas xustas reivindicacións.

Dende o PCG amosamos todo o noso apoio coas traballadoras do SAF de Ponteareas: a loita é o único camiño!

Categorías:

Comparte: