COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

1 de Maio — Día da Clase Obreira

1 de maio de 2025

Para as mans que producen, todo! Para as que nos rouban, nada!
A clase obreira unida contra os gobernos da guerra e do capital 

O 1 de maio é o día no que a clase traballadora ergue a súa voz e marcha unida para lembrar quen move o mundo. Mentres uns poucos se enriquecen sen traballar, as mans que producen todo —as nosas mans— reciben cada vez menos. A economía “vai ben”, din. Pero para quen? Para a clase obreira o panorama é outro: salarios conxelados, prezos disparados, vivenda inaccesible e dereitos recortados.

Mentres o Estado salva ó capital con diñeiro público, os servizos públicos afogan. O goberno non dubida en rescatar á burguesía cando hai crise, pero nega recursos para os servizos que sustentan a vida. Nós dicímolo claro: o diñeiro público non é para engordar beneficios privados. Esiximos nacionalizacións e control democrático.

O capitalismo é un sistema que garante o beneficio dos ricos a costa da miseria das maiorías. A loita polo salario é unha loita de clase: a cada euro que perdemos, eles gañan un máis. Mentres todo sobe —o pan, a luz, o alugueiro— os nosos salarios caen. Non hai conciliación posible: ou o beneficio do patrón, ou a dignidade obreira. É tempo de organizarse, loitar por convenios xustos, subir os salarios e recuperar os dereitos roubados.

A vivenda, dereito básico e esencial, é tratada como un negocio. As nosas vilas énchense de pisos turísticos que funcionan na máis impune ilegalidade, de rentistas e de especuladores que só pensan no seu beneficio. Mentres a xuventude non pode emanciparse, mentres miles de persoas viven adicando a maior parte do seu salario a pagar hipotecas ou alugueiros, os gobernos protexen os intereses do capital inmobiliario. A vivenda non é un negocio, é un dereito. Esiximos expropiación dos grandes propietarios e vivenda pública xa.

E mentres isto ocorre, a Europa do capital prepara a guerra. Queren investir centos de miles de millóns en armamento, recortando os orzamentos sociais, alimentando o monstro bélico. O noso compromiso é claro: non ao rearme, non ao aumento do gasto militar, non á guerra. A historia da esquerda e dos e das comunistas é a historia da loita pola paz. Hoxe coma onte debemos estar á altura: parar a guerra, saír da OTAN, botar fóra as bases militares de EE.UU. e defender unha Europa de paz, non de misiles.

O 1 de maio é máis necesario ca nunca. A crise, a guerra, a especulación e a precariedade non son fenómenos naturais: teñen responsables e teñen cómplices. Pero tamén teñen resposta: a loita organizada da clase obreira.

Porque só o pobo salva ao pobo. Porque para as mans que producen, todo. E para as que nos rouban, nada.

 

Viva a clase obreira!
Viva o 1 de Maio combativo!
Organizarse e loitar!

Categorías:

Comparte: