COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

No día da clase obreira galega: deixemos de soportar a festa do capital

10 de marzo de 2025

O Día da Clase Obreira Galega, este 10 de marzo de 2025, o Partido Comunista de Galicia chama a deixar de soportar a festa do capital. Os e as traballadoras de Galicia sostemos coas nosas mans un capitalismo decrépito, o que nos impide tomar con elas aquilo que nos corresponde froito da produción social. Loitaremos por rachar con esta situación e comezar a tomar o que é noso, dende a conquista de pequenas loitas cada día e en cada centro de traballo até a toma do poder político para construír o socialismo. Ese é o obxectivo ao que aspira a clase obreira: quen produce debe decidir que, como e canto se produce para así poder desfrutar colectivamente da riqueza producida.

Mentres as grandes empresas de Galicia baten récords de beneficios, os e as traballadoras seguimos atrapados nunha situación de precariedade permanente. As contas do ano 2024 de empresas como Inditex ou Abanca amosan as mellores cifras da súa historia. Alcoa, tras anos de redución e precarización do seu cadro de persoal no país, amosa tamén previsión de beneficios récord. Altri, aínda loitando por entrar no mercado galego, triplica beneficios. A modo de exemplo, a suma dos beneficios das pequenas empresas en 2023 foi notoriamente inferior aos de Inditex.

Por contra, a clase obreira galega loita por chegar a fin de mes. No sistema capitalista, salario e beneficio son contrarios e os intereses da clase obreira e do capital non van da man. Unha mellora dos beneficios só nun sentido moi relativo pode converterse nunha mellora da situación da clase obreira. A “economía”, ese ente abstracto que actualmente é sinónimo do “capital”, pode ir ben mentres a clase obreira perde calidade de vida. O salario nominal dos e das galegas aumentou este 2024 por primeira vez en dous anos. Pero o certo é que o salario real, o que verdadeiramente mide a riqueza dun traballador, caeu máis dun 5% dende 2010. A clase obreira é máis pobre e o capital máis rico.

A explotación ambiental continúa a ser un cabalo de batalla entre capital e proletariado. O capital, igual que explota o traballador e o extenúa até o límite vital, non ten problema en espremer os recursos naturais hipotecando o futuro para obter beneficios no presente. Cando un traballador esgótase, o capital pode botar man do exército industrial de reserva. Cando os recursos naturais se esgoten, todos sufriremos para subsistir no planeta Terra. A lóxica do capitalismo impón á burguesía a necesidade de empregar os recursos naturais máis produtivos, para asegurar a venda competitiva da súa mercadoría. Nesta lóxica, contaminación, espolio e cambio climático convértense en “externalidades” que quedan fóra do cálculo de intereses capitalistas.

Neste escenario de explotación laboral e espolio de recursos naturais colectivos, o poder político convértese en ferramenta axeitada para disciplinar a clase obreira, protexer as leis mercantís e favorecer os intereses do capital. No escenario de decrepitude actual e coa ameaza dunha guerra internacional, o Estado desempeña a súa función ao asumir o aumento dos orzamentos militares, pese a que isto afectará negativamente e de xeito irremediable os intereses da clase obreira. A retórica anti-inmigración gaña peso ao longo de todo o arco parlamentar, dividindo a clase obreira. No económico, os gobernos empregan a táctica do pao e a cenoria para, coa política do “mal menor”, encadear á clase obreira a esa posición de sostén da festa capitalista.

Fronte á explotación económica, o espolio ecolóxico e a dominación política, o Partido Comunista de Galicia reivindica a necesidade de tomar coas mans o que nos pertence, o froito do noso traballo e suor, e deixar de soster un sistema que fai caer sobre o noso lombo todas as cargas mentres son outros os que desfrutan o resultado. Esta dinámica debe permitirnos, primeiro, arrincar das mans capitalistas o produto do noso traballo; despois, comezar a dirixir democraticamente o rumbo da produción social nun horizonte de sostibilidade; e, finalmente, tomar o poder político para impulsar un futuro socialista.

Categorías: Comité Nacional

Comparte: