COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O Partido Comunista de Galicia apoia a mobilización do sector do metal e Pontevedra e condena a represión sufrida

28 de xuño de 2023

O Partido Comunista de Galicia apoia as mobilizacións do sector do metal da provincia de Pontevedra e condena a desproporcionada actuación policial. As mobilizacións desenvólvense por lexítimas reivindicacións de melloras no convenio do sector e foi reprimida por orde da subdelegación do goberno durante as xornadas do 22 de xuño.

Como sinalan fontes sindicais, a manifestación foi comunicada en tempo e forma por Comisións Obreiras mais a actuación policial impediu o seu desenvolvemento, pese á autorización previa por parte da subdelegación do goberno.

Esta actuación policial impediu o exercicio do dereito constitucional á folga e á manifestación e coartou o exercicio das liberdades democráticas de todos os traballadores e traballadoras do metal pontevedrés. Os enfrontamentos vividos na mañá do 22 de xuño teñen como única causa as accións das forzas e corpos de seguridade do estado.

O Partido Comunista de Galicia considera inaceptable as declaracións da Confederación Española de Policía solicitando a imputación de delitos de tentativa de homicidio a traballadores que simplemente reivindicaban unha mellora nas condicións laborais. O sometemento das forzas do estado á vontade do capital, que saía nas xornadas pasadas a requirir precisamente a paralización das mobilizacións imposta pola policía, non é ningunha sorpresa. Porén, tratar de imputar delitos de homicidio a manifestantes é unha actuación que non se debe normalizar.

Neste mesmo sentido, dende o PCG rexeitamos as solicitudes de reprobación dos deputados Antón Gómez Reino e Enrique Santiago, este último Secretario General do Partido Comunista de España. Os traballadores teñen dereito a ser defendidos das accións anti-sindicais incentivadas pola propia subdelegación do goberno. O apoio de representantes democráticos aos traballadores que reivindican condicións dignas non debe ser obxecto de reprobación algunha.

O Partido Comunista de España apoia as reivindicacións dos e das obreiras do metal pontevedrés, condena a represión e o sinalamento por parte dos organismos policiais e rexeita a actitude da subdelegación do goberno. O Partido confía en que as seguintes xornadas de mobilización poidan desenvolverse con normalidade e rematen coa mellora das condicións dos e das traballadoras.

Categorías:

Comparte: