COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

PCG insta á loita contra a especulación inmobiliaria e a siniestralidade laboral en Galicia

25 de maio de 2024

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2024 - O Comité Nacional do Partido Comunista de Galicia (PCG) reuniuse hoxe na súa sede en Santiago de Compostela para analizar os desafíos socioeconómicos que afectan á poboación galega e para definir estratexias de acción política de cara ao verán.

Na xuntanza dos responsables nacionais trasladouse a preocupación polo continuo aumento do prezo da vivenda en Galicia ao que a nova lei de vivenda non puxo  coto. Actualmente hai máis de 7.100 familias demandantes de vivenda pública só en Vigo o que evidencia a necesidade urxente de políticas que garantan o acceso universal a unha vivenda digna. Neste sentido, o Secretario Nacional, Jorge Crego, anunciou o lanzamento dunha campaña para denunciar a especulación inmobiliaria e promover medidas que defendan o dereito fundamental á vivenda.

A organización reflexionou tamén sobre a escasa repercusión que está a ter o aumento da siniestralidade laboral no debate político galego, cun número alarmante de accidentes e mortes no posto de traballo. O PCG destacou a importancia de reforzar a seguridade e a protección dos e das traballadoras con maiores Inspeccións de Traballo, así como de intensificar a loita contra as condicións laborais precarias que poñen en perigo as súas vidas.

Os comunistas expresaron a súa preocupación pola crecente inflación que está a afectar ao poder adquisitivo das familias galegas, o que se suma a un estancamento dos salarios. Jorge Crego denuncia que “estes datos entran en contradición co aumento dos beneficios empresariais dende a pandemia, demostrando unha vez máis que seguimos na mesma loita de clases”. Para o Secretario Nacional do PCG “é preciso unha mellora nos salarios, que debe nacer, como non pode ser doutro xeito, do aumento da organización nos centros de traballo, e por tanto, da conflictividade laboral”, argumentou.

Contra o xenocidio e contra Altri

Neste Comité Nacional reiterouse o apoio do PCG ás mobilizacións en contra do xenocidio en Palestina e á manifestación contra Altri mañá domingo en Palas de Rei. O partido renovou o seu compromiso coa participación activa nas manifestacións, acamapadas e actos de solidariedade que se están a organizar dende o BDS, e a denunciar enerxicamente as violacións dos dereitos humanos que impunemente comete o Estado de Israel.Tamén estará presente xunto ao resto de organizacións na manifestación contra o Proxecto Gama, baixo o lema “Desde a Ulloa ata a ría. Terra, auga e aire son vida! Altri non!

Categorías: Comité Nacional

Comparte: