COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O camarada Abuín, un espírito indomable, foi durmir fóra.

30 de setembro de 2026

O camarada Xesús Redondo Abuín foi durmir fóra. Abuín (Asados, Rianxo, 12-3-1939) nace vinte días antes de que o fascismo declare o día da vitoria, e coñece desde neno a fame e a miseria, traballando como criado de servir ata os 14 anos e ata os 18 como zapateiro. Como el mismo sinalaba: "Foi a fame a que me botou a min de Galicia. Funme porque non me gustaba ser criado de servir nin pobre de pedir".

Trasládase entón a Asturias, traballando na mina desde o mesmo día que cumpriu os 18 anos, en marzo de 1957. Abuín é picador en Villabona, na mítica La Camocha -onde se produce o seu primeiro paso por comisaría por repartir en man un chamamento á folga de 1958- e no pozo Lláscaras, onde el e outros dous camaradas (Ignacio Sanmartín e Ramonín) conseguen pechar a mina chamando a viva voz ao paro e reivindicando mellores condicións de vida e de traballo. É a gran folga de agosto de 1962, cando centos de mineiros sofren despedimentos e encarceramentos. Como consecuencia do seu protagonismo na folga, vese obrigado a pasar á clandestinidade e partir ao exilio. Nese momento, Abuín non sabe ler nin escribir, pero xa coñece o alfabeto da plusvalía e militará ata o final na Causa da liberdade, a igualdade, a solidariedade e a xustiza social. Sempre nas filas do PCE e das CC.OO.

En decembro de 1962, o Partido consegue trasladalo a París. Os primeiros seis meses traballa na empresa Rhot Frères de Estrasburgo. Logo pasará un ano enteiro nun Instituto de Ciencias Sociais de Moscova, na Casa Grande. Posteriormente viaxa a Liexa (Bélxica), traballando novamente na mina, nos pozos Cheratte, Petit Bacnure e Santo Nicolás. Regresa do exilio por orde do Partido con documentación facilitada polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados. 

No tren, na propia fronteira, é detido polo comisario torturador Melitón Manzanas, por orde do ministro Camilo Alonso Vega. Estes represores fascistas téñeno catro meses secuestrado, antes de envialo directamente ao Sáhara, a Cabrerizas, onde comparte cativerio co filósofo Francisco Fernández Buey. Os graves problemas respiratorios que sofre, incluída unha bronquite crónica contraída na mina que o acompañará toda a súa vida, forzan que as autoridades o ceiben en liberdade sen cargos. 

Tras saír en liberdade traballou en Gran Canaria, ata os sucesos de Sardina del Norte, cando participa pacificamente nas protestas laborais contra o incumprimento por parte da empresa SATRA do abono dos salarios aos seus traballadores. Durante esas protestas recibe un disparo do comandante da Garda Civil. É detido, e tras o xuízo resulta condenado a 11 anos de prisión.

Abuín cumpre condena en varias prisións desde o 15 setembro de 1968 ata o 10 de decembro de 1975, coincidindo con salientables líderes da oposición ao franquismo, especialmente do movemento obreiro. Entre eles destaca o seu admirado e querido camarada e amigo Marcelino Camacho. É no penal do Porto de Santa María onde coñece á camarada Marta Marroquín, que o visita cada semana e se converterá na súa compañeira inseparable de vida e militancia, e en nai do seu fillo Xenxo. 

Ao saír de prisión establécese en Ourense, traballando a pico e pa nunha empresa de tendido eléctrico. Un tempo máis tarde comeza a súa dedicación remunerada no Sindicato Nacional de CC.OO. ata que, disconforme co rumbo que tomaba o sindicato, decide despedirse e irse ao paro. Con esa decisión, Abuín fai seu o lema de "Coherencia" que Esquerda Unida elixe para presentarse ás eleccións autonómicas de 1997, nas que encabeza a candidatura pola provincia da Coruña.

En 2018, publica as súas memorias co título "Alentos e desalentos dun de tantos". A dedicatoria do seu libro é unha síntese da súa actitude ante a vida: "Este é un libro contra todos os caudillos, tamén contra os caudillos do proletariado". Porque a vida de Abuín é a dun espírito indomable, sempre en rebelión constante. Rebelouse contra a fame e partiu na procura dunha vida digna gañada co seu traballo. Rebelouse contra a ditadura e sufriu cárcere e exilio. Rebelouse contra os carcereiros e sufriu a tortura e mesmo un disparo. Rebelouse contra o seu propio analfabetismo e adquiriu unha vasta cultura, cultivando todos os xéneros literarios. Rebelouse contra a felonía e elixiu a dignidade e a coherencia. Mesmo se rebelou contra a enfermidade que o podería ter levado moito tempo antes. Pero non é o mesmo ser un rebelde que ser un revolucionario. E poucas, moi poucas persoas, conseguen ser, como Abuín, ambas as dúas cousas.
 

Categorías:

Comparte: