COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG apoia a proposta de nomear Fillo Adoptivo de Lugo a Xesús Alonso Montero

14 de febreiro de 2025

Xesús Alonso Montero é unha figura de nome e perfil fundamentais na defensa e promoción da cultura galega e os valores democráticos. A súa traxectoria intelectual, política e vital reflicte, non só un compromiso inquebrantable con Galicia e a súa identidade, senón tamén co pobo traballador, sempre na liña firme a prol da emancipación e papel historico da clase traballadora. Lamentablemente temos poucas figuras vivas con tal amplitude intelectual, política e persoal.

Alonso Montero é unha voz recoñecida e imprescindible no estudo, difusión e reivindicación das moitas facetas da cultura e literatura galega. A súa é unha laboura incansable de recollida e visibilización do legado de moitos intelectuais galegos. É particularidade clave en Alonso Montero,  ser quen de explicar, coa súa exquisitez pedagóxica, a relevancia deses autores inserida na súa época, razoando as particularidades e achegas de cada un no desenrolo da identidade cultural galega como propia e diferenciada, resaltando a súa influencia no pensamento contemporáneo.

Alonso Montero fixo bandeira da defensa do uso do idioma en todos os ámbitos da vida pública, educativa e social. Por acción teórica e práctica, deixa claro que entende o idioma non só como mero vehículo comunicativo, senón tamén como un símbolo de identidade e resistencia. É esta, unha contribución fundamental de Montero, que sinala o papel da cultura e o idioma galego como elemento particular de rebeldía e dignidade das clases populares.

Ao contrario do afirmado este días por sectores cainitas, o profesor Alonso Montero é, ante todo, un firme defensor do idioma galego. O seu traballo incansable para que o noso idioma ocupe o lugar que lle corresponde, foi desenrolado en grande parte baixo condicións desfavorables, loitando contra o proceso de marxinación e denigración sufrido durante a ditadura franquista. A súa defensa do proceso de normalización lingüística é coherente e activo, reivindicando a lingua como patrimonio colectivo, sempre con unha visión integradora, lonxe de sectarismos, de apropiacións ou certificados de pureza e autenticidade.

Por se todos os méritos anteriores non fosen dabondo para un recoñecimento como Fillo Adoptivo da Cidade de Lugo, a figura de Xesús Alonso Montero tampouco non pode entenderse sen o seu teimudo e inquebrantable compromiso político e social. Firme defensor dos dereitos dos traballadores, a súa produción ensaística reflicte este compromiso ao vincular a literatura e cultura galega coas loitas sociais, apostando por unha educación e cultura accesibles, como motores emancipadores da clase obreira.

O seu exemplo militante marxista, sempre estivo comprometido coa clase traballadora e marcado pola oposición ó franquismo e a defensa dunha sociedade xusta e igualitaria. Durante a ditadura, a súa actividade intelectual estivo ligada á resistencia cultural, entendendo que a cultura e o idioma eran tamén trincheiras dende as que debían defenderse a liberdade e a democracia

O Partido Comunista de Galicia apoia a proposta de nomear Fillo Adoptivo da Cidade de Lugo ó noso camarada profesor Xesús Alonso Montero. É un recoñecimento merecido, motivo de orgullo para todos os galegos, pola súa traxectoria academica e cultural e polas ligazons sentimentais ca Cidade da Muralla.

Se Xesús Alonso Montero recoñeceu en Pedro Petouto a un dos seu mestres na vida, queremos transmitirlle ó noso camarada profesor que todos no PCG temos por enorme honra compartir militancia con el e que nos recoñecemos como fillos políticos e culturais deste mestre subversivo, do neno comunista das silveiras, do canteiro das letras e palabras.

 

Compostela,
16 de febreiro de 2025

Categorías:

Comparte: